Escritores de Celanova

Nacido o 15 de setembro de 1851 en Celanova (Ourense), Manuel Curros Enríquez pasa por ser, xunto a Rosalía de Castro e Eduardo Pondal, o gran referente do denominado “Rexurdimento” da literatura galega de finais do século XIX.
A súa obra “Aires da miña terra” identificao como un gran poeta civil, capaz de conxugar a denuncia social en favor da clase máis desfavorecida, como demostra en poemas como “As Pragas”, “Nouturnio” ou “Mirando ó chau”, cunha poesía de exaltación dos valores tradicionais da cultura galega, como é o caso “Unha boda en Einibó”, “O gaiteiro de Penalta” e moi especialmente “A virxe do Cristal”, onde describe de forma maxistral a lenda sobre a aparición da imaxe da pequena virxe desta localidade, cuio santuario se ubica na parroquia de Vilanova dos Infantes, lugar de nacemento de Petra Enríquez,  a súa nai.

Pero  a súa obra trascende máis alá da poesía e céntrase durante gran parte da súa vida no xornalismo. Prestixioso redactor de “El País” e a “Gaceta de Madrid”, a súa labor informativa levoulle a exercer como corresponsal de guerra no País Vasco durante a terceira guerra carlista, escribindo unha serie de “Cartas del Norte” que publicou no diario “El Imparcial”; despois dun temporal regresou á súa Galicia natal como funcionario de Facenda en Ourense, finalmente viaxaría a Cuba, en cuia capital, a Habana, funda “La Tierra Gallega”, chegando a traballar tamén en “El Eco de Galicia”, así como no “Diario de la Marina”.

O seu concurso desde aquela isla caribeña foi fundamental para, en colaboración con Manuel Murguía e outros intelectuais galegos dun e outro lado do Atlántico, promover a constitución da actual Real Academia Galega da Lingua a través da “Asociación Iniciadora y Protectora de la Academia Gallega”, da que foi elexido presidente-fundador.
Perseguido pola igrexa e pola xustiza -que o condenaría a dous anos e catro meses de cárcere en Ourense, para ser posteriormente absolto na Audiencia Territorial de A Coruña- a raíz da publicación de varios poemas de “Aires da miña terra”, a súa capacidade de conexión ca vila seríalle recoñecida nun acto de coroación como o gran poeta civil de Galicia, no que participaron os principais personaxes do mundo cultural e literario da Galicia daquel momento e que tivo lugar na cidade de A Coruña no mes de outubro de 1904 con motivo da última viaxe que fixo desde a Habana.

Tras o seu falecemento, ocorrido na capital cubana o 7 de marzo de 1908, a cidade herculina que tan ben o acollera en vida e á que recordou e homenaxeou en mái s dunha composición poética, fíxose cargo finalmente dos seus restos, que permanecen enterrados no cemiterio de San Amaro daquela cidade.

 

1851: Nace en Celanova, fillo do escribán Xosé María de Curros Vázquez e de Petra Enríquez
1865: Escápase da casa e acaba residindo en Madrid na casa do seu irmán Antonio
1869: Comeza a estudiar a carreira de Dereito e escribe o seu primeiro poema titulado “Cantiga”
1871: Cásase con Modesta Vázquez Rodríguez, nada en Puebla de Sanabria e filla dun maxistrado da Audiencia Nacional de Madrid
1873: Incorpórase como redactor á “Gaceta de Madrid”, iniciando así a súa carreira xornalística nesta cidade
1874: Gaña un concurso literario convocado por “El Imparcial” cun traballo titulado “Oda a la guerra civil”, o que lle serve para entrar a traballar neste xornal.
1875: Traballando en “El Imparcial” desplázase ó País Vasco para informar sobre os pormenores da terceira guerra carlista. Escribe as súas colaboracións desde aquel lugar tituladas “Cartas del Norte”.
1877: Gaña un certame literario en Ourense promovido por un dos seus protectores, Modesto Fernández González, cos poemas “A Virxe do Cristal”, “Unha boda en Einibó” e “O Gaiteiro de Penalta”.
1878: Regresa a Ourense, onde traballa como funcionario de Facenda. Nesta cidade encárgaselle a dirección do xornal “El trabajo” e colabora con “El Heraldo Gallego”.
1880: Morre a súa nai, suceso que lle inspira un poema titulado “Na morte de miña nai”. Publica o seu libro máis coñecido “Aires da miña terra”, que é prohibido pola Igrexa e que lle supón un proceso civil polo que sería condenado inicialmente en Ourense a unha pena de dous anos, catro meses e un día e unha multa de douscentas cincuenta pesetas, e posteriormente absolto pola Audiencia Territorial de A Coruña.
1883: Volve a Madrid e ingresa como redactor en “El Porvenir”, pasando posteriormente por distintos medios como “El Progreso” ou “El País”.
1888: Publica o seu segundo libro en galego “O divino sainete”.
1893: Con motivo da fundación do Centro Gallego de Madrid, o escritor é coroado poéticamente nun acto de homenaxe que se celebra no Teatro da Comedia desta cidade.
1894: No mes de marzo chega a Cuba e funda o xornal “La Tierra Gallega” que editará durante dous anos. Durante esta época ten diversos problemas coa colonia galega que o acusa de separatista, ante o problema de Cuba, sendo el un firme defensor dun régime de autonomía para a illa.
1896: Traballa como corrector de probas no “Diario de la Marina”, onde consegue importantes éxitos profesionais e un recoñecemento público. Ó mesmo tempo comeza a manifestarse nel unha actitude crítica con parte da colonia galega na illa.
1904: Enfermo de asma e reuma, decide regresar a Galicia. Neste mesmo ano a cidade de A Coruña, a onde chega, organízalle unha gran homenaxe e un acto de coroación poética, o segundo que lle é organizado en vida. Durante a súa estancia en Galicia mantén frecuentes contactos con Murguía, Tettamacy e outros, que despois serían o xerme da Asociación Inciadora e Protectora da Academia Galega. En outubro deste mesmo ano, despois do acto poético do Teatro Principal coruñés, regresa a Cuba.
1905: É elixido presidente da Asociación Iniciadora e Protectora da Academia Galega, que poría as bases para o nacemento, ó ano seguinte, da Real Academia Galega.
1908: O 7 de marzo falece na clínica Covadonga do Centro Asturiano. O día 31 dese mesmo mes o seu cadáver chega á cidade de A Coruña, en cuio cemiterio é enterrado no medio dunha multitudinaria e popular manifestación de dó polo falecemento do que nesos momentos é considerado xa o máis grande dos poetas civís de Galicia.

 

Aires da miña terra. Ourense, 1880
O Divino Sainete. A Coruña, 1888
El maestre de Santiago. Madrid, 1892
Biografía de Eduardo Chao. Estudio biográfico-político, Madrid, 1893

Obras Completas. Madrid, 1910