Escritores de Celanova

 

 

Esta actividade é a NOVIDADE que propomos aos centros de ensinanza desde a Fundación Curros Enríquez; grazas á combinación de elementos lúdicos con elementos didácticos os alumnos poderán participar nunha experiencia que poderán lembrar sempre: a reiterpretación fotográfica do poema Unha boda en Einibó, incluído en Aires da miña terra.

            Esta actividade foi realizada o curso pasado polos alumnos do Colexio Sagrado Corazón de Celanova, cuns resultados moi satisfactorios tanto para os mestres e rapaces que participaron coma para nós. Participaron máis de 100 alumnos e co material fotográfico resultante elaboramos unha exposición que estivo na Casa dos Poetas durante o mes de agosto.

            A elección do poema débese a que polo seu contido presenta unha grande facilidade de posta en escena, flexibilidade en canto ao número de participantes e a posibilidade de escenificalo nun tramo da ruta currosiana, xa que pasa precisamente pola aldea de Einibó. Pero por outra banda,  existe a posibilidade de trocar o poema escollido por outro como por exemplo A Virxe do Cristal.

 

    

Baixo o lema ‘O Curros de Celanova’ a Fundación Curros Enríquez ofrece unha proposta que compaxina o estudio da vida e obra do poeta Manuel Curros Enríquez, o exercicio ao aire libre e a lectura coa visita turística, dunha  forma variada, amena, didáctica e que aspira a romper a cotidianidade da aula. Lévase a cabo esta iniciativa como un complemento á clase de literatura galega facendo ademais unha aproximación aos outros dous autores da vila, Celso Emilio Ferreiro e X. L. Méndez Ferrín, ao mesmo tempo que se realiza un paseo pola historia de Galicia.

 

Exponse a continuación a programación máis seguida:

11:00
Visita á Casa dos Poetas (Idade Contemporánea. Rexurdimento da literatura galega)

12:00
Visita ao Mosteiro de San Salvador (Alta Idade Media. Idade Moderna. O barroco. A desamortización)

13:00
Xantar

15:00
Ruta Currosiana: Celanova – Penalta – Einibó – Vilanova dos Infantes
Lectura de poemas: Entrega do libriño coa selección da Fundación Curros Enríquez

16:30
Visita á Virxe do Cristal (Tradición mariana)

17:00
Visita a Vilanova dos Infantes (Baixa Idade Media)
Visita ao Centro Comarcal de Vilanova dos Infantes

18:00

Volta a casa                      

+ info...

ACTIVIDADES A ESCOLLER FACENDO UN PASEO POLA HISTORIA:

Visita a Castromao (Prehistoria. Mundo Castrexo)

 A tan só 2 km de Celanova está un dos xacementos arqueolóxicos máis interesantes de Galicia datado entre os séculos VI ou V a.c. É un castro ocupado xa dende unha época prerromana e que logo sufriu unha forte romanización. Trátase polo tanto dun xermolo do que agora é Celanova.

 

Visita á Ponte Freixo (Romanización)

Considerada como a terceira ponte histórica de Galicia, esta construcción romana atópase a 6 km de Celanova.

Visita a Vilanova dos Infantes (Baixa Idade Media)

Centro Comarcal de Vilanova: 988 432267 (ofrecen servicio acompañante para o autobús e tamén organizan rutas polo resto da comarca). Visita guiada gratuita

Vilanova dos Infantes foi a aldea natal da nai de Curros e tamén o é de Xosé Luís Méndez Ferrín. É un pequeno burgo medieval no que destaca, por unha parte, a torre do antigo castelo ( hoxe Centro Comarcal ). Nela exponse unha mostra das profesións da zona, faise unha explicación da oferta turística da comarca e pódese contemplar unha fermosa vista da aldea. Alí tamén se pode visitar a bodega de San Vivián, futuro Museo dos Zapateiros, que agocha unha misteriosa orixe que alí se lles explicará aos alumnos.

Visita ao Mosteiro de San Salvador (Alta Idade Media. Idade Moderna. O barroco. A desamortización)

Oficina de Información e Turismo de Celanova: 988 432201. Horarios de visitas ao mosteiro: 11:00, 12:00, 13:00, 16:00 e 17:00 (de luns a sábado) e 11:30, 13:00, 16:00 e 17:00 (domingo). En verán tamén visita ás 18:00.

Durante a época en que viviu Curros, Celanova estivo marcada polas consecuencias que derivaron do abandono do mosteiro debido á desamortización. Foi o eixe cultural da vila, influíu en todos os habitantes da zona e foi onde Curros e Celso Emilio estudiaron tal e como o fan os mozos e mozas na actualidade. Trátase dun fermoso mosteiro do século XVIII que agocha nas súas traseiras a Capela de San Miguel, única capela mozárabe de Galicia.

Visita a Capela de San miguel. +info...

Visita á Virxe do Cristal (Tradición mariana)

 Sen dúbida a lenda da Virxe do Cristal persiste na memoria dos galegos gracias ao poema de Curros. Trátase dunha pequena imaxe envolta polo misterio de como a figura da virxa se introduciu no cristal. A súa visita pretende ser un estímulo para a lectura previa deste poema. Ao estar gardada en Vilanova dos Infantes pódese compaxinar esta visita coa do Centro Comarcal. + info...

 

Visita á Casa dos Poetas (Idade Contemporánea. Rexurdimento da literatura galega)

 Aquí os rapaces poderán ver onde naceu Curros, coñecer a historia da casa e introducirse na vida e obra do poeta. A duración é de 1 hora na que se lles fará unha visita guiada e poderán ver algún documental, como por exemplo no que Celso Emilio Ferreiro presentando Celanova.

 

Ruta Currosiana

 A ruta orixinal é de 8,1 km, comeza e remata en Celanova pasando por Penalta, Einibó e Vilanova dos Infantes, sen embargo pódese escoller algún tramo para facer a pé e o resto ir en autobús. É unha ruta de pouca dificultade e que pretende dar a coñecer as paisaxes, lugares e elementos singulares do entorno da vila de Celanova relacionados coa obra poética de Curros. + info...

 

Lectura de poemas

 Sería o mellor complemento para a ruta, pero ademais hai poemas que tamén se poden relacionar coas diferentes visitas. Hai elaborada unha pequena lista que se podería axeitar aos lugares escollidos. + info...

Clase na Casa dos Poetas

 Na casa hai dispoñible unha sala na que se podería dar unha clase normal con capacidade para 30 alumnos aproximadamente. Esta sería unha boa substituta á aula na que pasan a maior parte do curso escolar.

 

¿QUERE PLANEAR ESE DÍA NO QUE OS ALUMNOS SERÁN POR UN DÍA O CURROS DE CELANOVA? . Póñase en contacto con nós. Formulario de contacto - Tf.: 988451176 .