Escritores de Celanova

CALENDARIO DE ACTIVIDADES 2009

ACTIVIDADES CENTENARIO

ACTIVIDADES EN 2008

Conmemoración do Centenario do falecemento do poeta Manuel Curros Enríquez
Fundación Curros Enríquez

Tras a morte do poeta Manuel Curros Enríquez o 7 de marzo de 1908 na Habana, fóronse sucedendo multitude de mostras de admiración e cariño tanto á figura do vate como á súa obra literaria e xornalística. Quizais a máis representativa fora a participación de 40.000 persoas no seu enterro no cemiterio de San Amaro na cidade da Coruña en abril do mesmo ano. Cen anos despois, a Fundación Curros Enríquez non dubidou da importancia da celebración deste Centenario, esforzándose en cumprir unha proposta de actividades ambiciosa e digna dun dos grandes poetas do Rexurdimento.

Dado que a figura de Curros foi indispensable no desenvolvemento da actual cultura galega decidiuse que as homenaxes realizadas non debían circunscribirse á súa casa e vila natal senón percorrer aqueles lugares de maior significado na súa biografía. Así, a Fundación Curros Enríquez decidiu percorrer Galicia para ofrecer esas merecidas homenaxes e implicar ou colaborar coas principais institucións culturais galegas. Destacaremos catro puntos desta iniciativa: Celanova, Ourense, A Coruña e Madrid, puntos nos que se realizaron recitais, concertos, exposicións, intervencións institucionais, etc. Lugares especialmente vinculados a Curros nos que se centralizou o traballo mais non os únicos como se expón a continuación en orde cronolóxica, ademáis das restantes actividades vinculadas aos outros autores da vila desenvolvidas por esta entidade.

XANEIRO

EXPOSICIÓN: MADEIRA E MAIS PINTURA

LUGAR: CASA DOS POETAS

O ano 2008 comezou coa mostra do pintor e escultor Xulio Fontes que permaneceu na Casa dos Poetas desde o 21 de decembro ata o 27 de xaneiro.

OBRADOIROS DE NADAL

LUGAR: CASA DOS POETAS

Os días 2, 3 e 4 de xaneiro tiveron lugar as derradeiras xornadas dos obradoiros de Nadal. As temáticas foron os contos, as marionetas e a cociña. Nenos de ata 6 anos asistiron á sesión de mañá e os maiores pola tarde, contando cun número de asistencia destacable.

1

Sesión de marionetas e realización de contos no salón de actos da Casa dos Poetas

Ademais dos contacontos que tiveron lugar en decembro, organizouse unha biblioteca na lareira para convidar aos nenos a levar contos para a casa que devolvían nas xornadas seguintes.

FEBREIRO

DÍA 16: PRESENTACIÓN DA ‘GUÍA LITERARIA DE CELANOVA’

LUGAR: VIGO (CASA DEL LIBRO)


Na Casa del Libro de Vigo foi presentada a primeira guía literaria dunha vila de Galicia, a de Celanova. Ao acto asistiron José María Paz Gago, X. L. Méndez Ferrín, Antonio Piñeiro e Xosé Benito Reza, todos eles colaboradores na obra, acompañados polo Presidente da Fundación.

MARZO

DÍA 7: CENTENARIO DO PASAMENTO

LUGAR: A CORUÑA


Con motivo da conmemoración do I Centenario do pasamento de Manuel Curros Enríquez a Fundación Curros Enríquez decidiu comezar as homenaxes o propio día do falecemento e no lugar no que se atopa actualmente o corpo do poeta, o Cemiterio de San Amaro. O 7 de marzo unha delegación da Fundación, do Concello de Celanova e medio cento de veciños desprazáronse á Coruña para realizar varias ofrendas.


Nesta homenaxe contouse coa participación de diversas entidades, todas elas vinculadas ao poeta e coas que a Fundación colaborou estreitamente durante este ano, como son a Real Academia Galega, o Concello da Coruña, a Asociación de Prensa da Coruña, o Colexio Curros Enríquez de Coruña, o Colexio Curros Enríquez de Celanova, o Colexio Sagrado Corazón de Celanova, o Colexio Curros Enríquez de Pazos de Borbén, o Colexio Curros Enríquez de Ourense, o Grupo de gaitas “O gaiteiro de Penalta” e o Pen Clube de Escritores de Galicia.


A homenaxe comezou ás 11.30 horas fronte o niño cunha ofrenda floral. Breves  intervencións dos representantes institucionais, declamacións poéticas por parte de alumnos dos centros citados e o acompañamento musical do grupo de gaitas completaron esta primeira lembranza.

Intervencións da Concelleira de Cultura da Coruña e do Presidente da Fundación con numerosa presencia de medios e público.

Neste día tamén se deu a coñecer o Premio “Celanova, Casa dos Poetas” que recaeu no xornalista e director da Casa de Galicia en Madrid, Alfonso Sobrado Palomares. A sede da Real Academia Galega na rúa Tabernas foi o lugar escollido para facer público a decisión tomada na última reunión do Padroado, acto completado cun recital a cargo do Presidente do Pen Clube de Galicia, Luís González Tosar, acompañado polo violinista Kamo Petrosyan.

Lectura da acta do Premio Celanova, Casa dos Poeta por parte do secretario da Fundación xunto a mesa composta polo Presidente da Fundación e o Presidente da Real Academia Galega.

O remate da xornada consistiu nunha ofrenda floral diante do monumento a Curros realizado por Francisco Asorey  nos Xardíns de Méndez Núñez con novas intervencións institucionais e musicais, destacando a versión de O maio realizada polos alumnos do colexio Curros Enríquez da Coruña.

Ofrenda floral fronte ao monumento dedicado ao vate e intervención do alumnos do Curros Enríquez de A Coruña

DÍA 8: HOMENAXE  SECRETARÍA XERAL DE COMUNICACIÓN

LUGAR: CELANOVA

O día seguinte da homenaxe na Coruña tivo lugar o Congreso ‘Curros, periodista’ organizado pola Secretaría Xeral de Comunicación. Tras unha ofrenda floral diante do monumento de Asorey na vila celanovesa, a Sala de Conferencias do Claustro Barroco acolleu o acto con intervencións de Fernando Salgado, Marcos Valcárcel, Xosé López, Xosé Luís Axeitos e Xesús Alonso Montero. O Presidente da Fundación Curros Enríquez e Alcalde de Celanova foi o encargado de realizar o saúdo de benvida aos asistentes, que presenciaron ademais unha actuación de Luís Emilio Batallán e a proxección dun documental sobre a inauguración do Himno.

Imaxe da actuación de Luís Emilio Batallán e intervención de Marcos Valcárcel

DÍA 11: HOMENAXE DO LICEO E O COLEXIO CURROS ENRÍQUEZ DE OURENSE A CURROS ENRÍQUEZ

LUGAR: OURENSE (COLEXIO CURROS ENRÍQUEZ E LICEO)

O día 11 de marzo celebráronse en Ourense dous actos co fin de lembrar a Manuel Curros Enríquez neste ano do seu Centenario. Pola mañá no Colexio Curros Enríquez de Ourense tivo lugar unha ofrenda floral diante do busto situado no propio centro educativo, unha conferencia de Marcos Valcárcel e unha intervención do Delegado provincial de Educación.

Pola tarde, xa no Liceo de Ourense, o secretario da Fundación, Antonio Piñeiro, Marcos Valcárcel e Xesús Alonso Montero formaron parte da Mesa redonda que tiña ao poeta celanovés como tema principal.

DÍA 14: REPRESENTACIÓN DRAMATIZADA DE “A VIRXE DO CRISTAL”

LUGAR: CASA DOS POETAS

O Colexio Sagrado Corazón tamén quixo participar na celebración do Centenario cunha adaptación do poema A Virxe do Cristal. A peza foi elaborada polos profesores do centro e nela participaron todos os alumnos (arredor de 250) contextualizando a época con vestimentas axeitadas. O lugar da representación foi a Horta da Palabra que se sitúa na parte traseira da casa natal de Manuel Curros Enríquez.

Representación da lenda A Virxe do Cristal na horta da Casa dos Poetas dos alumnos do Colexio Sagrado Corazón de Celanova

DÍA 15: RECITAL POÉTICO-MUSICAL DA “ASOCIACIÓN DE ESCRITORES Y ARTISTAS ESPAÑOLES”

LUGAR: CASA DOS POETAS

O sábado 15 de marzo ás 18.00 horas a Asociación de Escritores y Artistas Españoles ofreceu en colaboración coa Fundación Curros Enríquez un recital poético en homenaxe aos poetas de Celanova. Entre os participantes neste recital destacamos a presencia de Carmeliña García, Premio Nacional de Declamación.

Tras unha breve intervención do secretario da Fundación os compoñentes da Asociación de Escritores e Artistas Españoles foron recitando os poemas ante o público asistente.  

ABRIL

DIA 5: CORTEXO CÍVICO


LUGAR: A CORUÑA


Organizado polo Concello da Coruña e a Real Academia Galega tivo lugar o día 5 de abril un Cortexo Cívico ao que asistiu unha delegación da Fundación Curros Enríquez.
O percorrido comezou no cemiterio de San Amaro e rematou no monumento dos xardíns de Méndez Núñez, pasando polo Colexio Curros Enríquez, a Real Academia Galega e o Concello da Coruña. Actuaron os grupos Follas Novas, Cantigas da Terra, El Eco, Toxos e frores e a Banda Municipal de Música da Coruña.


 
Unha delegación da Fundación Curros Enríquez asistiu ao Cortexo Cívico organizado pola RAG e o Concello de A Coruña

DÍA 26: CONGRESO “O PATRIMONIO NO SÉCULO XXI”


LUGAR: CELANOVA


Unha das xornadas do Congreso “O Patrimonio no século XXI”, organizado pola Facultade de Ciencias da Educación e o Centro da Cultura Popular “Xoaquín Lorenzo”, tivo lugar en Celanova en lembranza ao poeta no ano de conmemoración do seu I Centenario. Tras unha visita á Virxe do Cristal en Vilanova dos Infantes e á Casa dos Poetas, os participantes asistiron a unha mesa redonda dedicada a ‘As casas dos escritores como centros de dinamización do patrimonio literario’. A mesa estivo composta por representantes da Casa de Otero Pedrayo, da Casa de Vicente Risco, da de Rosalía de Castro e por suposto da Casa dos Poetas.


Na mesa: Antonio Piñeiro, Víctor Freixanes , Helena Villar, Susana Reboredo e Luís Martínez-Risco

DÍA 29: PRESENTACIÓN DA REVISTA RAIGAME


LUGAR: OURENSE (COLEXIO CURROS ENRÍQUEZ)


Editada polo Centro da Cultura Popular “Xoaquín Lorenzo” a revista Raigame centrou o seu número de 2008 na figura de Manuel Curros Enríquez. Na presentación, que tivo lugar no Colexio Curros Enríquez, estiveron o Director da revista, Xulio Fernández, o Presidente da Deputación e o Presidente da Fundación Curros Enríquez. O acto estivo complementado por unha conferencia a cargo do secretario, Antonio Piñeiro.
           

MAIO

DÍA 10: INAUGURACIÓN DA EXPOSICIÓN DA REAL ACADEMIA GALEGA E ACTO HOMENAXE A MANUEL CURROS ENRÍQUEZ EN CELANOVA


LUGAR: CELANOVA


O día 10 de abril de 2008 tivo lugar o maior acto de homenaxe a Manuel Curros Enríquez na súa vila natal organizado pola Fundación Curros Enríquez e a Real Academia Galega. Actos institucionais e cívicos que tentaron recrear a homenaxe que o poeta recibira tamén en Celanova o 16 de setembro de 1951 na celebración do I Centenario do seu nacemento.


Con tal motivo o Plenario da Real Academia Galega desprazouse ata Celanova para renderlle homenaxe ao que foi primeiro Presidente da Asociación Iniciadora desa institución e logo primeiro Presidente de Honra. Os actos comezaron cunha recepción de autoridades institucionais e académicas, para pasar a continuación ao Salón de actos do Claustro onde o Alcalde de Celanova e Presidente da Fundación Curros Enríquez saudou ao resto de participantes. A cantante María do Ceo puxo a nota musical ao acto no que tamén interveu Xosé Ramón Barreiro, Presidente da RAG.

Emulando os actos de 1951, tras os actos da mañá, os arredor de 150 convidados participaron nun xantar no propio Mosteiro.


 
O comezo da tarde deu paso á ofrenda floral diante do Monumento de Curros a cargo dunha representación da familia de Curros. Pilar Hernando e Myriam Gilberson, bisneta e tataraneta respectivamente do poeta, desprazáronse por vez primeira á vila natal do seu antepasado.


Texto da placa: 1908-2008. Curros segue vivo na memoria de Celanova e de Galicia. Fundación Curros Enríquez. 10/05/2008.

 
Tras o descubrimento dunha placa en lembranza a Manuel Curros no busto realizado por Asorey, o discurso conmemorativo do Centenario correu a cargo de Xosé Luís Méndez Ferrín na dobre condición de patrón da Fundación Curros Enríquez e Académico numerario da Real Academia Galega. Remataron esta parte dos actos as intervencións musicais do grupo de gaitas ‘O gaiteiro de Penalta’, a Coral Polifónica Solpor e a Banda de Música Municipal de Celanova.


 
Nos actos da tarde tamén se contou coa presencia da Conselleira de  Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo.

Un breve percorrido polas rúas da vila levou aos participantes ata a Rúa Manuel Curros Enríquez fronte a Casa dos Poetas, alí a Real Academia Galega descubriu unha placa conmemorativa na fachada dando comezo a inauguración da exposición ‘Na frente unha estrela’.    


A mostra ‘Na frente unha Estrela’ organizada pola Real Academia Galega con fondos propios e algúns cedidos pola Fundación Curros Enríquez estivo dividida en seis bloques que se centraban noutros tantos episodios especialmente destacados tanto na biografía do escritor, como na consolidación histórica posterior da súa figura literaria.


A exposición do Centenario permaneceu na Casa dos Poetas ata o 10 de setembro. Catro meses nos que se contabilizaron  un total de 2.400 visitantes.

O Presidente da RAG e Xosé Luís Axeitos explican os contidos da parte dedicada ao enterro.

 
O primeiro espacio estivo dedicado á velada que a sociedade cultural coruñesa organizou na súa honra o día 21 de outubro de 1904 no Teatro Principal daquela cidade. A segunda sección fíxose eco da dobre vida que Curros Enríquez compaxinou ó longo da súa traxectoria entre a poesía e o xornalismo. Con ocasión da exposición expuxéronse por vez primeira os lentes, gracias a unha cesión por parte da tataraneta do escritor, Miryam Gilberson, que as herdou da súa avoa Ángela. Outro dos apartados centrou o seu interese no importantísimo papel que o poeta de Celanova xogou no nacemento da Real Academia Galega.

 
A coroa entregada a Curros en 1904 constitúe o logotipo da Fundación que leva o seu nome. No centro da imaxe da dereita os lentes orixinais, expostos por vez primeira.


O cuarto espacio fíxose eco da multitudinaria manifestación da velada que a cidade da Coruña tributou ao poeta con motivo do seu enterro. Lugar cargado de gran significado xa que estivo presidido pola bandeira galega que cubriu o cadaleito desde A Habana.

Unha quinta sala foi dedicada plenamente á construcción do monumento que recorda ao poeta nos xardíns herculinos de Méndez Núñez, obra do escultor Asorey. Finalmente, a última sala centrouse na música que compuxeron un gran número de autores galegos de distintas épocas e de distintos estilos, tomando como referencia os poemas de Curros.

O acto inaugural da exposición “Na frente unha estrela” na Horta da Palabra contou con intervencións da Conselleira de Cultura e Deporte e o Presidente da Real Academia Galega entre outros.

  
Intervencións institucionais e musicais no acto de inauguración da mostra “Na frente unha estrela”


DÍA 15: TRASLADO DO MONUMENTO A MANUEL CURROS ENRÍQUEZ EN VIGO


LUGAR: VIGO


Por iniciativa de persoas vinculadas a Vigo, ao mundo cultural e con interese na figura de Manuel Curros Enríquez realizouse unha solicitude ao Concello de Vigo de traslado do monumento a Manuel Curros Enríquez realizado en 1911 pola sociedade ‘La oliva’. O busto fora nese momento situado na Praza de Compostela, logo coñecida tamén como Alameda, e trasladada nos anos sesenta ao Castro. Esta iniciativa popular solicitaba instalar a estatua nun lugar onde puidera estar máis visible.
             
A Fundación Curros Enríquez quixo sumarse a esta proposta, xa anunciada na reunión do Padroado a través de X. L. Méndez Ferrín, co envío dunha carta de apoio e ofrecemento ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, quen exemplarmente deu resposta con feitos en pouco tempo.

O Presidente da Fundación durante a súa intervención no traslado do monumento en Vigo

DÍA 21: VISITA INSTITUCIONAL DA MESA DO PARLAMENTO DE GALICIA CON MOTIVO DO ACTO “Convivir convivencias” e do Centenario de Manuel Curros Enríquez


LUGAR: CELANOVA

             
 
Despois de diversos actos institucionais no Concello de Celanova e na Praza Maior, onde estivo instalada a exposición de ‘Convivir convivencias’, a Presidenta e os membros da Mesa do Parlamento achegáronse á Casa dos Poetas para visitar a mostra ‘Na frente unha estrela’ con motivo do Centenario. Xa pola tarde tivo lugar o acto retransmitido pola Televisión de Galicia e a recepción á sociedade de Celanova e comarca.
 

XUÑO

DÍA 5: 54 RÚAS CANTAN A CURROS


LUGAR: RÚAS CURROS ENRÍQUEZ DE GALICIA


Unha das actividades de maior participación estudiantil organizada pola Fundación Curros Enríquez foi o acto de homenaxe a Manuel Curros Enríquez nas localidades que posúen unha rúa co nome do poeta, baixo o título “54 rúas cantan a Curros”


Os 54 Concellos en cuestión foron convidados a participar nesta lembranza realizando unha lectura conxunta de poemas na rúa Curros Enríquez da súa localidade, rematando o acto coa interpretación da cantiga Unha noite na eira do trigo, co fin de que o mesmo día e  á mesma hora, unha ampla representación social de Galicia cantara ao unísono unha das cantigas máis queridas e coñecidas do pobo galego. A data escollida celebraba a xornada na que fora composta o poema Cantiga e a hora proposta foi as doce da mañá.
           

Dos 54 municipios con rúas ou prazas denominadas ‘Manuel Curros Enríquez’ finalmente se sumaron 21, número que se considera salientable dado que a organización corría por parte dos propios concellos ou centros educativo, sendo a función principal da Fundación a promoción e coordinación dos actos. Foron os Concellos participantes: A Cañiza, A Coruña, A Rúa, Betanzos, Cambados, Cambre, Cangas, Celanova, Culleredo, Neda, O Carballiño, O Barco de Valdeorras, Oleiros, Pontevedra, Ribeira, Santa Comba, Sarria, Verín, Vigo, Vilanova de Arousa e Xinzo de Limia.

       

Imaxes do acto ’54 rúas cantan a Curros’ na Coruña, Celanova e Ribeira.

DÍAS 10 E 11: HOMENAXE A CURROS ENRÍQUEZ EN MADRID


LUGAR: CASA DE GALICIA (MADRID)

Tal e como se anunciara tras a aprobación do programa de actividades, as homenaxes a Curros foron trasladadas aos lugares que marcaron a súa biografía: Celanova, A Coruña, Ourense e Madrid.

A Casa de Galicia e o seu director, Alfonso Sobrado Palomares, galardoado neste ano co Premio ‘Celanova, Casa dos Poetas’, acolleron os actos organizados pola Fundación Curros Enríquez en lembranza a Manuel Curros na capital.


Durante a primeira destas dúas xornadas o Presidente da Real Academia Galega, Xosé Ramón Barreiro, deu unha conferencia sobre Manuel Curros Enríquez e tivo lugar o recital poético musical ‘Quen pudera convosco voar’ sobre versos do vate a cargo da compañía Casahamlet.

 

Conferencia impartida por Xosé Ramón Barreiro e compoñentes do recital ‘Quen pudera convosco voar’

O segundo día serviu para adiantar unha parte do traballo de María do Ceo ‘No bico un cantar’, disco homenaxe aos poetas de Celanova. Acto no que participaron o Presidente da Fundación, Xosé Luís Méndez Ferrín ademais da cantante, quen obsequiou cun concerto aos asistentes.


Entre os asistentes aos actos de homenaxe a Curros en Madrid destacou a presencia da Ministra de Medio Ambiente y Medio Rural y Marino, Elena Espinosa.

DÍA 21: CONSTITUCIÓN DA IRMANDADE XURÍDICA GALEGA


LUGAR: CELANOVA
           
No mes de xuño tivo lugar a constitución da Irmandade Xurídica Galega e homenaxe a Sebastián Martínez Risco organizado pola Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística. O acto consistiu na imposición das togas e entrega de diplomas que identifican aos membros constituíntes da Asociación, creada para impulsar o uso da lingua galega en tódolos órganos xurisdiccionais.

 
A celebración desta constitución en Celanova no ano de conmemoración do Centenario motivou un cortexo cívico cos togados, autoridades e público asistente ata a casa-museo de Curros Enríquez. Alí desagraviaron ao poeta polo proceso ao que foi sometido tras a publicación de Aires da miña terra, que aínda non foi revisado.

 


XULLO

DÍA 23: HOMENAXE AOS ESCRITORES DE CELANOVA POLA UNIVERSIDADE DE VIGO


LUGAR: CASA DOS POETAS


Coa escusa da próxima xubilación de X. L. Méndez Ferrín, Doutor Honoris Causa da Universidade de Vigo, a Vicerreitoría de Relacións Institucionais en colaboración coa Fundación Curros Enríquez, o Concello de Celanova e a Asociación Sociocultural Redes Escarlatas organizou un acto homenaxe aos poetas da Terra de Celanova baixo o lema ‘Onde o mundo se chama Celanova. Falamos galego en todos os idiomas’.


A presentación do acto correu a conta de Xosé-Henrique Costas da Universidade de Vigo tras a que tivo lugar un recital das Redes Escarlata da man de Anxo Angueira, Antón Dobao, Xosé Antón Laxe, Silvia Penas, Elvira Ribeiro, Manuel Vidal, Xavier Xil e Isaac Xuvín. A homenaxe do Concello realizouna Antonio Mouriño Villar e a da Universidade Iván Area Carracedo, Vicerreitor de Relacións Institucionais. Rematou o acto co recital dun poema de Ferrín en diversas linguas do mundo (eslovaco, hebreo, árabe, serbocroata, húngaro, asturiano, alemán, inglés...) e unha actuación musical a cargo de gaiteiros de Allariz.


O vicerreitor de Relacións Institucionais e o Presidente da Fundación felicitando ao escritor X. L. Méndez Ferrín

DÍA  26: ACTUACIÓN CORAL ‘OLIVEIRA DE MONTE BRANCO’ DE PONTECESO


LUGAR: CELANOVA (CLAUSTRO BARROCO)


En colaboración coa Fundación Curros Enríquez e o Concello de Celanova a Coral ‘A oliveira de Monte Branco’ de O Couto (Ponteceso) ofreceu un concerto homenaxe a Manuel Curros Enríquez con interpretación de pezas populares no salón de actos do Claustro Barroco. Esta actuación realizouse a través da Fundación Eduardo Pondal coa que se mantén unha estreita colaboración no proceso da súa creación.

DÍA 29: INAUGURACIÓN EXPOSICIÓN ‘LA MIRADA EXTRAÑA’


LUGAR: CELANOVA (SALA DE EXPOSICIÓNS DO ANTIGO CÁRCERE)
             
Outra das mostras enmarcadas no programa dos actos conmemorativos do Centenario do falecemento de Manuel Curros para este ano foi  La mirada extraña: tres miradas hacia a Cuba que xa non coñeceu Curros Enríquez. Unha exposición fotográfica de Camila Moreiras, Lily Gold e Josh Weissbach, tres estudiantes de Hampshire College no estado de Massachussets, que presentaron a Cuba actual a través de tres enfoques diferentes. As imaxes estiveron expostas durante o mes de agosto na sala de exposicións do antigo cárcere de Celanova gracias á organización da Fundación Curros Enríquez.

AGOSTO

DÍA 6: RECITAL ‘QUEN PUDERA CONVOSCO VOAR’


LUGAR: CELANOVA (SALÓN DE ACTOS DO CLAUSTRO BARROCO)

           
O día 6 de agosto tivo lugar en Celanova o espectáculo co que Casahamlet está  a percorrer toda España baseado nos poemas de Aires da miña terra. Trátase dun recital poético e musical interpretado por Santiago Fernández e Manuel Lourenzo, acompañados pola cantante Anahí Varela e o músico Brandam.

DÍA 7: CONCERTO DE PRESENTACIÓN DO DISCO “NO BICO UN CANTAR” DE MARÍA DO CEO


LUGAR: CELANOVA (CLAUSTRO BARROCO)
           
Con motivo da presentación do novo traballo de María do Ceo en homenaxe aos poetas de Celanova, a fadista María do Ceo ofreceu no Claustro Barroco do Mosteiro de San Salvador un concerto aos veciños e visitantes da vila.


Máis de duascentas persoas escoitaron as versións que María do Ceo confeccionou dos versos de Celso Emilio Ferreiro, X. L. Méndez Ferrín, Castor Elices e por suposto Manuel Curros Enríquez.

SETEMBRO

DÍA 6: RECITAL ‘NA FRENTE UNHA ESTRELA’


LUGAR: CELANOVA (SALÓN DE ACTOS DO CLAUSTRO BARROCO)

O día 6 de setembro Celanova acolleu o recital poético e musical ‘Na frente unha estrela’ promovido pola Consellería de Cultura e Deporte a través da Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural. Este recital, a base de poemas e cantigas líricas baseadas en textos de Manuel Curros Enríquez, estivo interpretado pola mezzoprano María José Ladra e o barítono Antón de Santiago acompañados do grupo instrumental ‘Cítola’, composto de violín, violonchelo e guitarra.

Antón de Santiago interpretando unha das composicións
 
DÍA 7: PREMIO “CELANOVA CASA DOS POETAS”


LUGAR: CELANOVA (SALÓN DE ACTOS DO CLAUSTRO BARROCO E CASA DOS POETAS)


O domingo seguinte ao aniversario do falecemento de Celso Emilio Ferreiro, celebrouse o acto da entrega do premio “Celanova Casa dos Poetas”, na súa XXIV edición ao xornalista Alfonso Sobrado Palomares. Como adoita acontecer tódolos anos, o acto desenvolveuse segundo o seguinte  programa:


11,00   Recepción do premiado e convidados no Concello cunha alborada a cargo do grupo e gaitas ‘O gaiterio de Penalta’.

  
           
11,30   Ofrenda floral diante do monumento de Celso Emilio Ferreiro con presentación do acto e palabras de recibimento por parte do Presidente da Fundación. A colocación do ramo de flores realizouna a vocal desta entidade Isabel Ingelmo tras unha nova intervención do grupo de gaitas.

Nesta ocasión a intervención de lembranza de Celso Emilio foi realizada polo poeta e Presidente do Pen Clube de Galicia, Luís González Tosar. Rematou o acto un recital a cargo da actriz María Inés Cuadrado.  

12,30   Entrega do premio no Salón de actos do Claustro Barroco. Mesa composta por Antonio Mouriño, Alfonso Sobrado Palomares, Carlos G. Reigosa, José Luís Baltar, Presidente da Deputación de Ourense e Marisol López, Secretaria Xeral de Política Lingüística.      

Tras lectura da acta de entrega do Premio por parte do secretario da Fundación, tivo lugar a entrega do premio e o momento no que o galardoado asina no libro de honra. O escritor Carlos G. Reigosa realizou unha emotiva ‘laudatio’ do premiado á que seguiron as palabras de agradecemento do propio Alfonso S. Palomares. O acto estivo clausurado pola Secretaria Xeral de Política Lingüística.

Tras a parte institucional os convidados, un ano máis, participaron nun xantar co galardoado na Horta da Palabra da Casa dos Poetas.

OUTUBRO

DÍAS 1, 2, 3 e 4: PARTICIPACIÓN NO ENCONTRO DE CASAS MUSEO E FUNDACIÓNS DE ESCRITORES

Unha representación da Fundación Curros Enríquez, formada por José María Rodríguez e Antonio Piñeiro, participou en outubro no XV Encontro da Asociación de Casas Museo e Fundacións de Escritores celebrado en Las Palmas de Gran Canaria. No transcurso deste Encontro, como ven sendo habitual dende hai varios anos, celebrouse unha queimada promovida pola Fundación Curros Enríquez na que participaron os representantes das Fundacións e Casas Museo participantes e que constitúe un dos actos máis populares.

 
Representantes de casas museo de toda España no encontro anual de A.C.A.M.F.E onde destaca unha numerosa presencia galega

A temática do encontro xirou en torno á conservación e seguridade dos museos e á creación de bibliotecas dixitais, sendo no fondo un intercambio de ideas e unha achega de novidades nestes campos, que ben poden ser asumidas en beneficio da Fundación Curros Enríquez.

NOVEMBRO

DÍA 29: ACTUACIÓN CORAL POLIFÓNICA ‘FOLLAS NOVAS’ DA CORUÑA


LUGAR: CELANOVA (CLAUSTRO BARROCO)


En colaboración coa Fundación Curros Enríquez e o Concello de Celanova a Coral Polifónica ‘Follas Novas’ da Coruña celebrou un concerto homenaxe a Curros Enríquez. O repertorio completo estivo composto por poemas do autor como por exemplo Cantiga, Aos mozos, A emigración, Na morte da miña nai ou Mirando ao chao. O recitador foi Santiago Fernández quen xunto con dous solistas, frauta e piano traballaron baixo a dirección de Julio Messeguer.

DECEMBRO

DÍA 13: INAUGURACIÓN DA EXPOSICIÓN ‘O DIVINO SAINETE’ DE LINA COFÁN E M. SÁNCHEZ ALGORA


LUGAR: CASA DOS POETAS


A Casa dos Poetas acolleu ese día a inauguración dunha mostra sobre a obra de Manuel Curros Enríquez. Os artistas Lina Cofán, nacida en Celanova pero afincada en Madrid, e Manuel Sánchez-Algora, de Madrid, realizaron sendas interpretacións fotográfica e pictórica de O Divino Sainete. Co mesmo nome, exposición e obra, fan un repaso das ideas do vate celanovés e da súa loita pola mellora na condición da poboación galega. A exposición permaceneceu na Casa dos Poetas ata principios de 2009 desde onde se trasladou á sede da Fundación Gonzalo Torrente Ballester para ser exporta en Santiago de Compostela.
    
 
Dúas das obras da mostra confeccionada por Lina Cofán e M. Sánche-Algora sobre ‘O Divino Sainete’

DÍAS 22, 23, 24, 26, 29 e 30: OBRADOIROS DE NADAL


LUGAR: CASA DOS POETAS

O periodo de Nadal está dedicado un ano máis aos pequenos da vila. A través de manualidades e contacontos medio cento de nenos achegaronse á Casa dos Poetas para por a proba a súa imaxinación e cooperación. A literatura estivo presente a través da creación dunha biblioteca temporal, da confección de material como marca páxinas ou os contacontos. Este ano destacamos tamén a presencia da escritora de literatura xuvenil Concha López Sarasúa, que impartiu unha pequena charla sobre a cultura de Marrocos.
 

Charla da escritora Concha López Sarasúa e imaxes das sesións de aobradoiros e contacontos na sala da lareira
 
 
VARIOS

LOGOTIPO CONMEMORATIVO DO CENTENARIO

Tanto  para a promoción do Centenario como para unha actualización do deseño do logotipo da Fundación durante este ano encargouse a realización dunha nova imaxe de referencia da entidade.
             
Sendo o retrato do autor un elemento moi recoñecido, decidiuse usar o seu perfil como identificador principal cunha discreta silueta que remite á coroa usada con anterioridade. As cores concordan coas usadas no deseño interior da casa museo e para un maior realce da información se destacou a palabra ‘Curros’.

DISCO DE MARÍA DO CEO ‘NO BICO UN CANTAR’

Entre as actividades do Centenario, destaca sobre maneira a gravación dun disco por parte da cantante galego-portuguesa María do Ceo, quen baixo o título de “No bico un cantar” (recollido tamén do mesmo poema que Curros dedicou a Rosalía de Castro), conseguiu reunir un conxunto músico-vocal arredor de composicións do propio Curros Enríquez, ademais doutros autores celanovenses como Castor Elices, Celso Emilio Ferreiro ou Xosé Luís Méndez Ferrín, chamado a transcender no tempo moito máis alá dos ecos conmemorativos do mesmo centenario.

 
Portada do disco

Publicación especialmente destacable en canto á súa edición, ofrece 17 versións musicadas ademais de diversos textos de interese. Xosé Luís Méndez Ferrín é o encargado da introducción, Antonio Piñeiro colabora cun texto sobre os autores interpretados tras o que seguen unhas breves biografías. Son ofrecidas por escrito tamén todas as letras dos poemas, o cal conforma en conxunto un libro-disco dun grande atractivo

MATERIAL DE PROMOCIÓN DO CENTENARIO

Sendo 2008 un ano de especial interese na figura de Manuel Curros Enríquez encargouse á empresa Rei Zentolo o deseño e elaboración dunhas camisetas e chapas para a súa venta na Casa dos Poetas.


O retrato do poeta foi empregado como imaxe central e creado co título das súas obras en negro co fondo vermello, cores que representan a entidade que leva o seu nome. Rodeando esta imaxe foron escollidos os versos ‘se eu fixen tal mundo / que o demo me leve’ de Mirando ó chau. Palabras que pretenden fomentar unha opinión crítica libre ao mesmo tempo que lembran unha das temáticas máis salientables da obra do escritor así como ofrecer un certo toque de humor.

CHARLAS CON MOTIVO DO CENTENARIO


LUGAR: PROVINCIA DE OURENSE

Antonio Piñeiro Feijóo, en calidade de secretario da Fundación Curros Enríquez de Celanova ofreceu por encargo do Centro da Cultura Popular Xaquín Lorenzo, unha serie de charlas divulgativas en colexios e outros lugares da provincia con motivo da conmemoración do I Centenario de Manuel Curros Enríquez.
             
Desde o 28 de abril ata o 17 de xuño foron impartidas oito charlas en diferentes puntos da provincia: Colexio Curros Enríquez de Ourense, IES de Antioquía de Xinzo de Limia, IES de Bande, Centro ocupacional de Celanova, Casa da cultura en Verín, Colexio Curros Enríquez de Celanova, Casa da cultura do Barco de Valdeorras e Colexio Sagrado Corazón de Celanova.

Charla no centro ocupacional de Celanova
           
Co título de ‘Curros Enríquez a través de cinco preguntas’ Antonio Piñeiro realizaba un repaso polos aspectos da vida e da obra de Manuel Curros Enríquez que puideran resultar de interese para o público estudiantil. Mentres que para os máis pequenos a temática centrábase nunha versión a modo de conto de A Virxe do cristal. Tódalas charlas foron rematadas coa proxección dun documental no que se recolle a importancia que acadou a figura de Manuel Curros Enríquez na Habana durante os últimos anos da súa vida.

 

Portadas dos power points usados para as charlas

VISITAS Á CASA-MUSEO E REALIZACIÓN DA RUTA CURROSIANA

A Casa dos Poetas remata o ano con 6.100 as visitas, das que preto de 1.700 foron realizadas por visitantes ocasionais, 2.900 por grupos (a maior parte deles con visita previamente concertada) e as restantes 1.500 representan aos participantes nas numerosas actividades programadas durante este exercicio.

Un ano máis, o programa ‘O Curros de Celanova’, que combina as visitas guiadas á Casa dos Poetas, ao Mosteiro de San Salvador e á Vilanova dos Infantes coa realización da Ruta Currosiana e unha lectura de poemas, volveu ser un éxito en canto ao número de participantes.

             

Visitas do IES As Lagoas de Ourense e o CPI Castro Baxoi

A celebración do Centenario foi un aliciente para a realización deste programa por parte de novos centros como para a repetición da actividade por parte doutros. Superouse o milleiro no número de alumnos que participaron neste programa organizado pola Fundación Curros Enríquez distribuídos en 27 grupos.

A continuación exponse un listado dos centros educativos que visitaron a Casa dos Poetas:


GRUPOS  MARZO  2008

Día

Centro

Actividade

11

IES Vilalonga (Sanxenxo)

58

Programa Curros

12

Colexio Vila do Arenteiro (Carballiño)

52

Visita

13 e 14

IES Xulián Magariños (Negreira)

48

Programa Curros con estancia no albergue

27

IES Nº1 de Ribeira

30

Programa Curros

 

 

 

 


GRUPOS  ABRIL  2008

Día

Centro

Actividade

1

IES Sampaio (Tui)

49

Visita

3

IES Santomé de Freixeiro (Vigo)

51

Visita

8

IES Concepción Arenal (Ferrol)

41

Programa Curros

10

IES Coruxo (Vigo)

45

Programa Curros

11

IES Leiras Pulpeiro (Lugo)

38

Programa Curros

15

IES O Ribeiro (Carballiño)

22

Programa Curros

16

IES de Ames

47

Programa Curros

22

IES Fernando Esquío (Neda)

50

Programa Curros

24

CPI Curros Enríquez (Pazos de Borbén)

80

Programa Curros

30

CPI Castro Baxoi (Miño)
IES castro da Uz (As Pontes de García Rodríguez)

40

Programa Curros

30

IES Laxeiro (Lalín)

68

Visita

 

 

 

 

 

 

 

 

 


Alumnos do CPI Curros Enríquez de Pazos de Borbén e do IES Fernando Esquío durante o programa ‘O Curros de Celanova’

GRUPOS  MAIO  2008

Día

Centro

Actividade

5

CPI de Mondariz

26

Programa Curros

6

IES As Lagoas (Ourense)

49

Programa Curros

7

IES San Mamede (Maceda)

58

Programa Curros

8

IES Germán Ancoechea (Pobra de Trives)

23

Visita e lectura poemas

9

CPI Camino de Santiago (O Pino)

25

Programa Curros

9

Colexio Vista Alegre (Vigo)

36

Visita

9

IES Celanova
IES Nigrán

90

Visita

14

CPI Cernadas de Castro (Lousame)

29

Programa Curros

14

IES O Castro (Vigo)

84

Visita

15

CPI Antonio Orza Couto (Boqueixón)

49

Programa Curros

15

IES A Paralaia

40

Visita

16

IES As Lagoas (Ourense)

36

Programa Curros

19

IES de Allariz

45

Programa Curros

20

IES Portovello (Ourense)

31

Programa Curros

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

21

IES Valmiñor (Nigrán)

41

Programa Curros

22

IES Xesús Ferro Couselo (Ourense)

55

Programa Curros

22

IES Aquis Querquennis (Bande)
IES Lamas do Castelo (Carnota)

30

Visita

26

IES de Melide

68

Visita

27

IES Leiras Pulpeiro (Lugo)

27

Programa Curros

28

IES Fernando Esquío (Neda)

19

Visita

29

IES Adormideras (Lugo)

41

Programa Curros

29

Colexio Inmaculada (Marín)

74

Visita

 

 

 

 

 

 

GRUPOS  XUÑO 2008

Día

Centro

Actividade

12

Colexio Curros Enríquez (Celanova)

37

Programa Curros

17

Colexio de Moaña

42

Visita

18

IES de Barro (Pontevedra)

30

Visita


Aínda que choveu os dous días que o IES Leiras Pulpeiro visitou Celanova iso non impediu a realización da ruta

Neste ano podemos destacar dúas cuestións en relación ás visitas á casa museo. Por unha parte a cancelación da Ruta Currosiana a causa do tempo po parte de varios grupos. A alternativa ofrecida nestes casos foi a lectura dos poemas pola zona urbana da vila. O programa literario foi realizado tamén por dous grupos de adultos, por un lado a Asociación Roxín Roxal de Pontedeume e o grupo de sendeirismo de maiores de Xinzo de Limia.


Percorrido urbano realizado polo IES Adormideras e grupo de sendeirismo de Xinzo de Limia

Foron tamén interesantes as visitas institucionais que recibiu a casa natal de Manuel Curros Enríquez neste ano do Centenario. A Mesa do Parlamento, os membros da Real Academia Galega e numerosas personalidades de Galicia mostraron o seu desexo de lembrar a figura do poeta coa súa presencia en Celanova.

 

MAQUETA DA RUTA CURROSIANA

A Dirección Xeral de Conservación da Natureza a través do seu Director , Xosé Benito Reza, realizou para a Casa dos Poetas unha maqueta da Ruta Currosiana. Material que se empregará para a promoción desta actividade e ilustrar aos grupos o percorrido que se vai realizar, destacando os principais puntos de interese: Celanova, Penalta, Einibó e Vilanova dos Infantes.

PUBLICACIÓNS

ANTOLOXÍA DE POEMAS DE MANUEL CURROS ENRÍQUEZ
             
Neste ano do Centenario a Fundación Curros Enríquez considerou apropiado ofrecer aos lectores unha antoloxía da poesía galega do escritor hai tempo esgotada. En 2001, sesquicentenario do nacemento de Curros (1851-2001) e ano do Congreso Internacional sobre Curros, editouse a Antoloxía: 12 poemas, obra que fora distribuída gratuitamente con La Voz de Galicia. Dado a gran acollida que tivo eta antoloxía, este ano co patrocinio da Consellería de Cultura e Deporte realizouse unha renovación da publicación en mans do estudioso Xesús Alonso Montero.

REVISTA RAIGAME


Para o número de 2008  de Raigame  decidiuse realizar un monográfico a Manuel Curros Enríquez pola celebración do Centenario. A Fundación Curros Enríquez colaborou na súa confección e aportou dous artigos, un sobre a historia da casa-museo e outro sobre o Premio ‘Celanova, Casa dos Poetas’. Outros aspectos da vida e obra do poeta de Celanova son tratados en artigos como: ‘No Centenario do pasamento de Curros’ de Xosé Neira Vilas, ‘Curros Enríquez, emigrante’ conferencia de Celso Emilio Ferreiro, ‘A verdadeira personalidade de Curros Enríquez’ conferencia de Pepe Velo, ‘Curros Enríquez desde Portugal’ de Francisco da Cunha Leão, ‘Problemática vital de Curros’ de Enrique Bande Rodríguez, ‘Un viaxe a Celanova’ de Manuel Casado Nieto, ‘En lembranza de Curros Enríquez: o tratamento do centenario do escritor e o día das letras galegas de 1967 na prensa galega’ de José Ángel García López e ‘Curros Enríquez en Juan Ramón Jiménez’ de Antonio Ramírez Almanza.


 
                                  
ARTIGOS CON MOTIVO DO CENTENARIO


Con motivo da Conmemoración do Centenario, o Centro Galego de Barcelona e a Irmandade Galega ‘O noso lar’ de Terrasa solicitaron á Fundación artigos co fin de incluír unha lembranza ao poeta nas revistas “Alborada” e “O noso lar” respectivamente. Antonio Piñeiro respondeu a estas solicitudes con dous artigos, un deles centrado nas actividades que se están a celebrar este ano, que tamén foi traducido ao castelán para a revista ‘Poliédrica Palabra’ de A.C.A.M.F.E.
           
Entre os artigos do Centenario en colaboración coa Fundación, cabe mencionar:

A Revista mensual de Caixanova Auria, que acolleu un amplo artigo sobre a mostra ‘Na frente unha estrela’ no número de maio de 2008.

A trabe de ouro, Publicación Galega de pensamento crítico, tamén se fixo eco do centenario a través da publicación de dous artigos no número de abril a xuño deste ano. Un deles foi ‘Moción de agradecemento do Concello á Real Academia Galega polos actos do pasamento de Curros’ polo Concello de Celanova e ‘Discurso na ofrenda floral da Academia Galega ao monumento da Curros en Celanova’ realizado por X. L. Méndez Ferrín e lido o día 10 de maio con motivo da homenaxe a Curros En Celanova.

A revista Turgalicia, Revista para descubrir Galiza, tamén foi acollida pola Fundación Curros para realizar o artigo ‘Celanova, A vila dos poetas lembra a Curros’ que se publicou no número de agosto - novembro de 2008.

DOACIÓNS E ADQUISICIÓN DE MATERIAL


Como ben sendo normal no funcionamento da casa museo, durante todo o ano recíbense obras por parte de diversas institucións que pasan a formar parte dos fondos bibliográficos. É tamén práctica común que o persoal da casa-museo e membros da Fundación estean ao día das publicacións relacionadas cos escritores de Celanova propondo e realizando as adquisicións que se consideren de interese para a entidade, abastecendo deste xeito a biblioteca da Casa dos Poetas.

Entre as doazóns que a Fundación Curros Enríquez estivo a tramitar en 2008 destaca polo seu volume e interese á realizada por Bieito Ledo, responsable da Editorial Ir Indo. O editor entregou un exemplar de todas as súas publicacións (150 títulos e máis de 300 volumes) para ter ao dispor dos usuarios da sala de consulta da casa. Tamén finalizou a principios de 2009 a tramitación da doazón de máis de 300 volumes por parte dun particular así como unha entrega de Basilio Rodríguez, escritor e director do Pen Club de España.

A Fundación Curros Enríquez pola súa parte fixo unha entrega de obras de Curros, Celso Emilio Ferreiro e outros á Hermandad Gallega de Caracas con motivo da celebración do seu 50 aniversario. Fondos que pasarán a formar parte da súa biblioteca, que oportunamente leva o nome de Manuel Curros Enríquez.


PRESENCIA DA FUNDACIÓN EN CURSOS E CICLOS

XULLO: CURSO DE VERÁN
LUGAR: CELANOVA (AULA CLAUSTRO BARROCO)
Do 2 ao 4 de xullo desenvolveuse o curso de extensión universitaria da Universidade de Vigo “Galegos de Ourense’. Foi o obxectivo deste curso servir de ponte de unión das novas xeracións de universitarios coa vida e obra dalgúns dos pensadores máis importantes da cultura ourensá.
 
XULLO: CURSO DE VERÁN DA FUNDACIÓN CARLOS CASARES
LUGAR: CELANOVA (AULA CLAUSTRO BARROCO)
En colaboración coa Fundación Carlos Casares, o Vicerreitorado do campus de Ourense da UdV e o Consorcio audiovisual de Galicia organizouse o curso de verán ‘Os sons e as imaxes da información. Radio, televisión, internet’ do 9 ao 11 de xullo, combinando conferencias coa proxección de varios traballos.
Durante a segunda xornada do curso Marcos Valcárcel impartiu a conferencia ‘Curros Enríquez xornalista’ a través da cal se incluíu a celebración do Centenario no curso.

XULLO - AGOSTO: CICLO DE CIENCIA FICCIÓN
LUGAR: CASA DOS POETAS
A sala de proxeccións da Casa dos Poetas acolleu os días 12, 19 e 26 de xullo e 2 e 16 de agosto un ciclo de cine cuxos obxectivos eran achegar á xente a íntima relación entre cine e literatura así como dar a coñecer algunhas das obras máis importantes da ciencia ficción do século XX.

SETEMBRO: 1º CICLO DE CINEMA EDUCATIVO-DIDÁCTICO
LUGAR: CELANOVA (AULA CLAUSTRO BARROCO)
Organizado pola MRP “Associação Sócio-Pedagógica Galaico-Portuguesa, a Fundación Curros Enríquez colaborou na celebración deste ciclo educativo cuxos temas foron os modelos educativos da República, o mestre de inadaptados, mestres e inmigración, mestres da escola infantil e o mestre innovador e creativo. Este ciclo tivo lugar os días 23, 24, 25, 29 e 30 de setembro.

OUTUBRO: ENCONTRO DE ESCRITORES
LUGAR: OURENSE (LICEO DE OURENSE)
A sección de Literatura do Liceo de Ourense organizou este sábado a mesa redonda ‘Vida - obra de Curros Enríquez’, Un encontro que reúne cada ano a un gran grupo de escritores e amigos ourensáns en torna á literatura e concretamente, este ano, á figura de Manuel Curros. Entre os relatores que participaron neste encontro estiveron Alfonso Vázquez-Monxardín, Serafín Alonso Pintos, Bieito Iglesias, José María Pérez Álvarez (Chesi), Francisco Fernández Naval e Antonio Piñeiro, en calidade tamén de secretario da Fundación.

 

LECTURA COLECTIVA DOS VECIÑOS DA COMARCA
LUGAR: CELANOVA (CENTRO OCUPACIONAL)
A Fundación de Discapacitados Terra de Celanova iniciou unha lectura colectiva, que se alongou ata final de ano, con veciños da comarca da obra de Manuel Curros Enríquez a través da emisora de radio local. O lectores foron asinando en dous exemplares, un dos cales permanecerána biblioteca da Casa dos Poetas.

ENCONTRO DOS AXÓUXERES
Un ano máis a Fundación Curros Enríquez colabora na difusión do ‘Encontro dos axóuxeres’ promovido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística para fomentar o uso do galego no ámbito familiar. A Casa dos Poetas foi o lugar escollido en primeiro lugar para levar a cabo o evento en Celanova  pero, finalmente, a necesidade dun espacio maior obrigou ao traslado da actividade ao salón de actos do Mosteiro. O acto desenvolverase o 8 de novembro.

RUTA DO REXUDIMENTO
Esta actividade responde a unha colaboración entre as Fundacións Curros Enríquez, Rosalía de Castro e Eduardo Pondal para a difusión da literatura do Rexurdimento en torno a estes tres autores. O proxecto pretendía nun primeiro momento combinar a realización de actividades nos tres puntos de referencia dos escritores: Celanova, Padrón e Ponteceso. Tras o estudio desta proposta presentada ao Consello da Cultura Galega está como resultado a plataforma web de divulgación cultural a través de rutas literarias sobre figuras de la cultura gallega ‘Roteiros da Cultura Galega’, presentada a principios de 2009 e inaugurada coa rutas dos escritores propostos.

PÁXINA WEB

A páxina da Fundación www.currosenriquez.es estivo sendo actualizada ao longo de 2008. Para este ano creáronse novos apartados na páxina principal con especial referencia ao Centenario.

ACTIVIDADES 2006

CONGRESO INTERNACIONAL SOBRE CURROS ENRÍQUEZ E O SEU TEMPO
Celanova – 13, 14 e 15 de setembro do 2001

A vida e a obra do escritor Manuel Curros Enríquez (Celanova, 1851-Habana, l908) reclamaban, desde había tempo, un foro de estudio e debate que compría deseñar con rigor e ambición. Urxía ­aclarar certos capítulos da biografía de Curros e exhumar páxinas e páxinas do seu labor de Periodista en Madrid e na Habana.
           
A data do Congreso coincidiu co 150 aniversario do seu nacemento e aproveitouse o acontecemento tamén para celebrar o primeiro acto oficial na casa despois da súa restauración.

As ponencias deste Congreso centráronse nas áreas referentes á biografía de Manuel Curros Enríquez, estudios sobre a obra literaria e a obra xornalística, o contexto histórico-literario, Curros e o idioma galego, fontes, recepción e ideario.

O Consello da Cultura Galega, consciente da extraordinaria importancia de Curros Enríquez nas Letras Galegas, asumiu a responsabilidade intelectual da organización do Congreso xunto coa Fundación Curros Enríquez.

 

Actas do I Congreso Internacional "Curros Enríquez e o seu tempo"

Consello da Cultura Galega

Coa edición a cargo de Xesús Alonso Montero, Henrique Monteagudo e Begoña Tajes Marcote, esta extensa publicación recolle preto de setenta relatorios presentados no encontro internacional que se celebrou en Celanova do 13 ao 15 de setembro de 2001 para conmemorar os 150 anos do nacemento de Manuel Curros Enríquez.

 

FUNDACIÓN CURROS ENRÍQUEZ