PREMIO "CELANOVA, CASA DOS POETAS"

Co gallo de lembrar cada ano a Manuel
Curros Enríquez e a Celso Emilio Ferreiro, dúas das máximas
figuras literarias da Galicia do século XIX e XX e dous dos
máximos espoñentes da poesía civil a partir do
Rexurdimento, nados, ámbolos dous, na popular “Calle Arriba” de
Celanova, a Fundación Curros Enríquez (antes o Patronato)
en colaboración co Concello de Celanova, leva dende o ano 1985
organizando anualmente o premio “Celanova casa dos poetas” que
pretende homenaxear un galego que ó longo da súa vida
se teña significado pola defensa dos valores culturais de Galicia
no máis amplo sentido da palabra.
BASES
Organiza:
Fundación Curros Enríquez (Celanova
- Ourense)
Galardón:
Unha medalla de prata, obra do escultor Acisclo Manzano,
que reproduce por unha cara a casa de Curros Enríquez, e pola
outra cinco “C” concéntricas que simbolizan a letra
pola que comenzan os elementos identificativos deste premio “Casa,
Curros, Celanova, Castor e Celso”. O nome de Castor refirese
a Castor Elices, poeta romántico contemporáneo de Curros,
que tamén naceu en Celanova. E o de Celso, identifica, evidentemente, ó tamén
poeta Celso Emilio Ferreiro.
O galardoado recibe tamén unha placa de prata na que se recolle
un resumo da acta do acordo, co fin de dar fe da concesión do
premio.
No acto de entrega, o premiado asina sempre no libro de honra do premio,
acostumando a deixar unha frase para o recordo.
Dotación Económica:
Non ten dotación económica
Filosofia do premio:
O premio tenta recoñecer cada ano a unha persoa
ou entidade que ó longo da súa vida se ten significado
especialmente por desenvolver un intenso labor a prol da cultura galega
en tódalas súas facetas, ou da propia Galicia.
Datas de concesión:
Faise público o día 7 de marzo, coincidindo
co cabodano do falecemento de Manuel Curros Enríquez e entrégase
no transcurso dun acto que se celebra o primeiro domingo de setembro
inmediato ó día 31 de agosto, que é a data do
falecemento de Celso Emilio Ferreiro, tentando unir así, as
datas finais das dúas figuras más salientables das letras
de Celanova.
Xurado:
O xurado está composto exclusivamente polo
Padroado da Fundación Curros Enríquez, que preside o
alcalde de Celanova, en calidade de presidente de feito da Fundación,
e da que forman parte representantes de diversas institucións
e entidades galegas, ademais de xentes de diversos ámbitos culturais
e sociais de Celanova, tendo como figura máis salientable no
seu seo a do escritor orixinario de Vilanova dos Infantes, Xosé Luis
Méndez Ferrín.
RELACIÓN
DE GALARDOADOS
ANO |
NOME |
ACTIVIDADE |
1985 |
Xosé Luis
Méndez Ferrín |
Escritor |
Uxio Novoneyra |
Escritor |
Alfredo Cid
Rumbao |
Historiador |
Ricardo Carballo
Calero |
Escritor |
1986 |
Anxel Fole |
Escritor |
1987 |
Xaquín
Lourenzo-Xocas |
Etnógrafo |
1988 |
Carlos Velo
Cobelas |
Cineasta |
1989 |
Xosé Neira
Vilas |
Escritor |
1990 |
Manuel Maria
Fernández Teijeiro |
Poeta |
1991 |
José Otero
Abeledo
“Laxeiro” |
Pintor |
1992 |
Mesa para
a defensa do galego en Asturias |
Colectivo Cultural |
1993 |
Xesús
Alonso Montero |
Profesor |
1994 |
Milladoiro |
Músicos |
1995 |
Carlos Casares
Mouriño |
Escritor |
1996 |
Manuel Colmeiro |
Pintor |
1997 |
Isaac Díaz
Pardo |
Polígrafo |
1998 |
Francisco
Fernández del Riego |
Xornalista
Escritor |
1999 |
José Angel
Valente |
Poeta |
2000 |
Xaime Quessada |
Pintor |
2001 |
Luz Pozo
Garza |
Poeta |
2002 |
Xohana Torres |
Escritora |
2003 |
Antón
Tovar Bobillo |
Poeta |
2004 |
Acisclo Manzano |
Escultor |
2005 |
Amancio Prada |
Cantante |
2006 |
Virxilio Fernández |
Pintor |
2007 |
Manuel Lurenzo |
Escritor |
2008 |
Alfonso Sobrado |
Periodista |
2009 |
Real Academia Galega |
Academia |
2010 |
Manuel Gallego Jorreto |
Arquitecto |
2011 |
Carlos Núñez |
Músico |
PREMIADO 2011

Carlos Núñez
O xurado do premio “Celanova, Casa dos Poetas”, presidido por Antonio Mouriño Villar e do que formaron parte os patróns da Fundación que á marxe se expresa, logo de teren deliberado sobre as propostas internas presentadas e valoradas as súas traxectorias biográficas no campo da defensa da cultura galega e de Galicia -tal e como recollen as bases-, por unanimidade acordou resolver o que segue:
Concederlle o XXVII Premio “Celanova, Casa dos poetas” ó músico Carlos Núñez, pola súa contribución á dignificación e á internacionalización da cultura galega a través dun instrumento tan propio da nosa tradición musical como é a gaita.
Carlos Núñez representa o paradigma da superación da gaita como instrumento menor, ó ter sido quen de situala na vangarda dos mellores escenarios do mundo, facéndose acompañar por multitude de prestixiosos instrumentistas do panorama musical internacional e chegando a introducila, sen estridencias, no remanso harmónico da música sinfónica, recollendo, para elo, o legado interpretativo dalgúns dos máis afamados gaiteiros da historia de Galicia, como foron o Gaiteiro de Penalta (cantado polo propio Curros Enríquez), Faustino Santalices ou Perfecto Feijóo, que tamén tiñan -coma el- as súas torgueiras familiares nas Terras de Celanova.
Dende as súas orixes artísticas, que o sitúan con tan só 12 anos no Festival Intercéltico de Lorient, Carlos Núñez leva feito das súas exploracións (respectuosas pero sen complexos) sobre a convivencia da gaita e dos seus rexistros musicais con instrumentos representativos de todo o mundo, unha bandeira que ten levado á música galega a convivir con tódalas culturas.
No imaxinario colectivo da Fundación Curros Enríquez aínda resoan os marabillosos ecos do concerto que con motivo do Mil Cen Aniversario de San Rosendo ofreceu en Celanova, no mes de agosto de 2007, facéndose acompañar polo organista francés Vicent Crosnier a cargo do maxestoso órgano de fol da igrexa conventual de San Rosendo.
Non conforme con ter percorrido máis de medio mundo coas súas frautas e a súa gaita como estandartes, nos últimos anos emprendeu unha frutuosa andaina á procura das súas raíces na Mezquita da Merca, tomando como referencia a incógnita vital do seu bisavó José María Núñez, que o levou ata o Brasil, onde tomou forma o disco “Alborada do Brasil”, así como o documental posterior, “Brasil somos nós”, no que se demostra cómo calquera viaxe ás orixes dun mesmo acaba por constituír sempre unha exploración cara novos mundos. Non en van, a chegada de Carlos Núñez ó Brasil (igual que aconteceu coa súa chegada a Lorient) está supoñendo a apertura de novas portas para outros grupos da música galega nun mercado tan emerxente e ó mesmo tempo tan próximo cultural e afectivamente para nós, como é o pobo brasileiro.
Coa concesión deste galardón, a Fundación Curros Enríquez, máis que premiar a un músico que leva vendido máis de un millón de discos e que conta con recoñecementos nacionais e internacionais tan prestixiosos coma os premios “Goya” ou o “Grammy”, o que pretende é amosar o seu orgullo por poder contar entre os seus patróns de honra, a partir de agora, co que pasa por ser o máis prestixioso gaiteiro da historia de Galicia.
ACTO DE ENTREGA DO XXVII PREMIO “CELANOVA, CASA DOS POETAS” Á CARLOS NÚÑEZ- 4 DE SETEMBRO DE 2011
HORA |
ACTO |
11:00 |
--Recepción do premiado e convidados na Casa do Concello de Celanova - Alborada a cargo do grupo de gaitas do Concello de Celanova
|
11:30 |
-Ofrenda floral diante do monumento de Celso Emilio Ferreiro no seu 32 cabodano:
- Apertura do acto coa “Alborada de Celanova”
- Grupo de gaitas do Concello de Celanova
- Palabras de saúdo e recibimento:
- Antonio Mouriño Villar (Presidente da Fundación)
- Colocación do ramo de flores diante do monumento de Celso Emilio Ferreiro
- Un representante da Fundación Curros Enríquez e outro do Concello de Celanova
- Intervención de María do Ceo
- Moraima (Celso Emilio Ferreiro)
- Intervención de lembranza de Celso Emilio Ferreiro no seu XXXI cabodano
- Francisco López Rodríguez (Director Xeral do Libro)
- Intervención de María do Ceo
- Cantiga pra durmir un neno (Celso Emilio Ferreiro)
- Himno galego
|
12:30 |
-Entrega do premio no Auditorio Municipal Ilduara (AMIC):
- Mesa: Presidente da Fundación Curros, Carlos Núñez, Antonio Piñeiro, Conselleiro de Cultura, Presidente da Deputación e Presidente da Real Academia Galega
- Inicio do acto a cargo de María do Ceo
- Os teus ollos (Curros Enríquez)
- Apertura do acto a cargo do Presidente da Fundación
- Lectura da acta por parte do Concelleiro de Cultura
- Entrega do premio
- Firma do premiado no libro de honra da Fundación
- Palabras de gabanza sobre Carlos Núñez a cargo do secretario da Fundación Curros Enríquez, Antonio Piñeiro
- Intervención do premiado, Carlos Núñez
- Clausura do acto a cargo do Conselleiro de Cultura
- Actuación musical de remate a cargo María do Ceo
- A Rosalía (Curros Enríquez)
- Cantiga (Curros Enríquez)
- Unha estrela me namora (Curros Enríquez)
|
14:30 |
Xantar na Horta da Palabra da Casa dos Poetas- O xantar estará aberto a todas aquelas persoas que desexen acompañar ó galardoado, previa retirada da invitación correspondente na Casa dos Poetas.
|
PREMIADO 2010

Manuel Gallego Jorreto
O xurado do premio “Celanova, Casa dos Poetas” decidiu concederlle o XXVI Premio “Celanova, Casa dos poetas” ó arquitecto e urbanista Manuel Gallego Jorreto, pola súa contribución á dignificación da cultura galega e de Galicia dende un ámbito tan complexo e ó mesmo tempo tan ensarillado no noso ser social como é a arquitectura.
Gallego Jorreto forma parte desa xeración de galegos da posguerra que tiveron que formarse fóra da súa terra natal, pero que logo retornaron a ela co firme compromiso de contribuír, co seu traballo e dende a súa perspectiva profesional, a prol da afirmación da personalidade de Galicia como pobo.
Nacido e criado no ambiente galeguista do Ourense da Xeneración Nós, cos que conviviu seu pai, alumno e receptor dos coñecementos xeográficos, históricos e etnográficos de Xaquín Lorenzo Fernández “Xocas” e posteriormente –xa en Madrid- do arquitecto pontevedrés Alejandro de la Sota, Manuel Gallego Jorreto é autor dun gran número de traballos arquitectónicos de carácter público e privado espallados por tódolos recantos da xeografía galega e polos cales está considerado na actualidade un dos mellores arquitectos galegos de tódolos tempos.
Entre estes traballos son de subliñar obras cargadas de tanto simbolismo para Galicia como a reforma dos Edificios Administrativos da Xunta de Galicia en San Caetano, o complexo residencial da Presidencia da Xunta de Galicia en Monte Pío, ou a reforma do Teatro Rosalía de Castro onde Manuel Curros Enríquez foi coroado como poeta; traballos que ten conxugado con obras que definen perfectamente os seus principios baseados na osmose da arquitectura coa paisaxe ou co seu entorno, como poden ser os conxuntos de vivendas unifamiliares de Carballo (Oleiros) ou de Corrubedo (Ribeira), así como as casas de Cultura de Valdoviño ou Chantada, xunto co Museo de Arte Sacro da Colexiata de Santa María na Coruña ou máis recentemente o Centro Cívico da Rúa Colón de Ourense.
Co-fundador de entidades e institucións tan senlleiras para Galicia como o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, a Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña, impulsor –xunto con Isaac Díaz Pardo e outros nomes senlleiros da cultura galega- do Museo do Pobo Galego, así como do novo Seminario de Estudos Galegos, demostran o seu compromiso coa cultura galega máis alá da súa perspectiva arquitectónica.
De el destaca o seu amigo Manuel Caamaño, que é autor dunha “arquitectura independente á marxe das modas, aínda que valorando as innovacións que asimila logo dun proceso de profundas cavilacións, para facer unha obra en harmonía coa contorna e cunha estética que non fira a paisaxe”.
Coa concesión deste galardón, a Fundación Curros Enríquez pretende abrir unha nova vía de gratitude e recoñecemento, consciente de que non só dende a literatura ou as artes se pode servir a Galicia e á cultura galega. É máis, a Fundación Curros Enríquez considera que dende calquera ámbito profesional, dende a arquitectura á medicina e dende a ciencia ás novas tecnoloxías pasando polo máis humilde dos oficios, se pode cumprir con ese compromiso de facer que Galicia sexa cada día un pouco máis Galicia.
PREMIADO 2009

Real Academia Galega
A Real Academia Galega é unha institución científica nacida en 1906 que ten como obxectivo fundamental o estudo da cultura galega e especialmente a ilustración, defensa e promoción do idioma galego.
A Fundación Curros Enríquez non pretende, con este galardón, poñer ó descuberto os méritos, máis que evidentes, que tan alta institución posúe para ser recoñecida publicamente. Sen embargo, con esta distinción, si desexa facer un explícito agradecemento histórico por ese traballo, a miúdo silandeiro e pouco recoñecido, que durante décadas realizaron xeracións de académicos que sempre foron conscientes da necesidade de preservación da lingua como unha das máis importantes señas de identidade da sociedade galega. Labor que continúa exercendo na actualidade como baluarte conceptual aglutinador da necesidade de procurar consensos para garantir a permanencia futura do idioma.
Evidentemente, no conxunto de razóns que explican este galardón, a Fundación Curros Enríquez non pode, nin moito menos, abstraerse da circunstancia, tamén histórica, da relación que tan alta institución da lingua posúe coa figura de Manuel Curros Enríquez, que foi o presidente da súa Asociación Iniciadora e Protectora e posteriormente Presidente de honra da Real Academia Galega.
A Fundación Curros Enríquez desexa manifestar, así mesmo, o seu agradecemento polo desinteresado compromiso que a Real Academia mantivo coa conmemoración do I Centenario de Curros Enríquez ó longo do ano 2008, así como coa máis que evidente predisposición que dende sempre manifestou co proxecto cultural que entraña a Casa dos Poetas, da que tamén ela forma parte.
PREMIADO 2008

Alfonso Sobrado Palomares
Alfonso Sobrado Palomares é un dos cumios do xornalismo de Galicia, xunto ós tamén ourensáns, Manuel Curros Enríquez ou Valentín Lamas Carvajal.
Sobrado Palomares fundou e dirixiu revistas tan relevantes no panorama informativo estatal na segunda metade do século XX como “Posible”, “Ciudadano” e “Leer”, cabeceiras tan aperturistas que a censura e os secuestros situou ó borde da quebra en repetidas ocasións durante o franquismo.
Ademais, ó longo da súa traxectoria profesional, puxo en marcha as axencias “Radial Press” e “Delfos”.
Se ben, no seu papel no xornalismo non se limitou soamente á faceta de editor ou promotor de cabeceiras, senón que tamén exerceu a profesión no campo máis activo da mesma, chegando a entrevistar a persoeiros da talla histórica de Ben Bella, Tito, Fidel Castro ou Willy Brandt, que hoxe forman parte por dereito propio da Historia Universal.
Así mesmo, durante un longo período de dez anos presidiu a Axencia EFE, promovendo a súa implantación ó longo de todo o planeta, o que significou colocar as canles informativas do xornalismo español na elite do xornalismo internacional. E iso sen esquecer xamais as súas orixes no planalto de Paradela (Calvos de Randín), ó pé das terras fronteirizas do Couto mixto, nin os seus comezos profesionais no xornalismo ourensán.
Como escritor, Alfonso Sobrado Palomares ten publicados máis de media ducia de libros de éxito, entre os que destaca “Amareite despois de sempre” e a biografía do ex-presidente do Goberno Felipe González, xunto a outros textos narrativos e poemas en galego que permanecen inéditos.
PREMIADO 2007

 |
Manuel Lourenzo naceu en Ferreira do Valadouro (Lugo) no ano 1943. Autor de aproximadamente 150 obras dramáticas ten unha intensa actividade como actor, dramaturgo, director teatral, conferenciante, traductor e dinamizador de diferentes iniciativas teatrais.
A Fundación Curros Enríquez decidiu concederlle o XXIII Premio “Celanova, Casa dos poetas” ó dramaturgo Manuel Lourenzo, polo seu compromiso en prol do teatro galego e universal, como espello dos problemas sociais e existenciais ós que se enfronta o ser humano.
O gañador do XXIII Premio “Celanova, Casa dos Poetas”, membro da xeración “Abrente”, foi un dos fundadores do teatro galego contemporáneo nos anos 60, xénese vencellada ó Festival de Teatro de Ribadavia.
Premio Nacional de Literatura Dramática, a Fundación Curros Enríquez non premia nesta ocasión soamente a un representante da nosa escrita dramática, senón a un home adicado en corpo e alma á tódalas dimensións da arte teatral: actor, director, productor, teórico, profesor... Dende a sua modestia e honestidade intelectual, Lourenzo desenvolve dende hai corenta anos unha incansable actividade no eido das artes escénicas, en Galicia e dende Galicia.
PREMIADO 2006

VIRXILIO FERNÁNDEZ CAÑEDO
É o gañador desta edición pola entrega xenerosa
e calada da súa vida ó oficio da plástica galega.
A súa pintura representa a alma e o color de Galicia e do seu
pobo.
Virxilio bebeu das fontes da tradición máis nidia ó asimilar
a esencia da sensibilidade da cultura popular, transformándoa
en comprometida vangarda. E alén diso, non se conformou con
desenvolver esta faceta artística no entorno máis próximo,
senón que axudou a proxectala ó ámbeto internacional.
A súa obra non é soamente coñecida e recoñecida
no país, participou nas exposicións O Gago e A Gadaña
e realizou máis de cincuenta carteis, senón que tamén
se proxecta en cidades tan significativas como París, Berlín
ou Colonia.
