A Fundación Curros Enríquez ven deseñando anualmente un programa de actividades que teñen como eixe central, pero non exclusivo, o ámbito literario. Realizadas a maior parte na Casa dos Poetas presentámosvos aquelas que se manteñen anualmente e nas que estades convidados a participar.
Premio «Celanova Casa dos Poetas»

Recoñece cada ano a unha persoa ou entidade que ó longo da súa vida se ten significado por desenvolver un intenso labor a prol da cultura galega en tódalas súas facetas, ou da propia Galicia. O acto da entrega celébrase anualmente na Casa dos Poetas.
Toda a información sobre este premio, aquí.
Ludoteca
Obradoiros destinados aos máis pequenos no que o fomento da lectura é o principal protagonista. Ademais de obradoiros de traballos manuais, teatro, danza ou cociña (xa levamos varias edicións do obradoiro “Celanova chef”) tamén se realizan conta contos. Os períodos de descanso son os escollidos para a súa realización polo que habitualmente teñen lugar nas vacacións do Nadal, a Semana Santa e o verán.
Exposicións
O segundo andar da sede da Fundación Curros Enríquez destinase para a acollida de mostras temporais de todo tipo. Seguindo o criterio de que estea implicado algún contido literario ou sobre a vila de Celanova hai un espírito aberto a acoller solicitudes externas. Dependendo das características da colección a expor, tempada ou temática tamén nos ofrecemos a xestionar a súa organización noutros locais de carácter municipal.
Visitas teatralizadas
Os visitantes poderán coñecer: o funcionamento diario da comunidade benedictina que habitou o Mosteiro ata 1835, a vida e familia do fundador do Mosteiro e a historia da fundación do cenobio. En colaboración co colectivo de xestión cultural “Terras de Rosendo” e co fin de promover o coñecemento do patrimonio da vila, a Fundación Curros Enríquez organiza puntualmente ditas visitas no Mosteiro de San Salvador de Celanova.
Presentacións
A sala da lareira da Casa dos Poetas acolle durante todo a ano a presentación das novidades editoriais literarias, audiovisuais e artísticas vinculadas principalmente con Celanova.
Roteiro do Rexurdimento
En colaboración coas Fundacións Rosalía de Castro e Eduardo Pondal estase a traballar en proxectos comúns en torno ós escritores do Rexurdimento.
Desfrutamos do órgano
Apostando pola calidade e aproveitando as circunstancias actuais que rodean o órgano do Mosteiro de Celanova, estamos a promover actividades musicais protagonizadas por este instrumento. Consulta as actividades ofertadas nas diferentes modalidades de visita do apartado «Visita Celanova», e en especial os micro concertos de órgano, novidade desta entidade.
Viaxe cultural a espazos literarios
Nestas xornadas ofrecerase ós veciños a posibilidade de visitar os edificios e lugares vinculados á obra dos autores protagonistas das asociacións colaboradoras ademais de promover o coñecemento da súa vida e do propio contorno. Este espazo ten como fin dar a coñecer ó resto de escritores galegos e portugueses contemporáneos dos poetas de Celanova e colaborar na difusión doutras asociacións e fundacións literarias.
Xornada de convivencia «Curros Enríquez»
Anualmente trátase de promover a celebración dunha xornada de convivencia cos catro centros de toda Galicia que leven o nome do poeta Manuel Curros Enríquez en Ourense, A Coruña, Pazos de Borbén e Celanova. Tras unha mañá adicada ó coñecemento da vila destinamos a tarde para a poesía e a visita dos arredores.
Visitas e roteiros
Hai unha especial atención ó ámbito escolar por parte da Fundación Curros Enríquez apostando tamén na oferta de roteiros culturais para todo tipo de grupos, ademais da atención diaria da Casa dos Poetas e outros espazos turísticos de Celanova como a Torre de Vilanova dos Infantes. Invitámoste a que navegues polo apartado VISITA CELANOVA desta páxina web para coñecer mellor o noso traballo neste aspecto.