| Programa para escolares |
|
VEN COÑECER A CELANOVA DE CELSO EMILIO
Un dos principias obxectivos da Fundación Curros Enríquez é achegar a todos os estudantes de Galicia as figuras dos grandes poetas nacidos na vila de Celanova, como son Manuel Curros Enríquez e Celso Emilio Ferreiro. A nosa proposta compaxina o estudio da vida e obra dos poetas e a lectura dalgunhas das súas composicións ao aire libre coa visita turística, dunha forma variada, amena, didáctica e que aspira a romper a cotianeidade da aula. Trátase pois dun magnífico complemento á clase de galego ao mesmo tempo que, percorrendo os lugares de Castromao, Vilanova e Celanova se pode facer "Un paseo pola historia de Galicia".
PROGRAMA: A CELANOVA DE CURROS E CELSO EMILIO 11:00 Recepción e visita á Casa dos Poetas (Idade Contemporánea. Rexurdimento da literatura galega): Tras a benvida a Celanova “Terra dos poetas”, dirixirémonos á casa familiar de Curros, onde coñeceremos a súa historia e afondaremos na vida e obra dos poetas. Na mesma rúa poderemos ver a casa familiar de Celso Emilio Ferreiro. Duración da visita guiada: 1 hora. 12:00 Descanso e xogo literario: Seguindo un mapa que imita unha liña de metro, os participantes deberán percorrer as rúas da vila e buscar as estrofas que completan un coñecido poema de Celso Emilio Ferreiro. Un cento de comercios colaboran neste xogo que simula a recollida de selos do Camiño de Santiago, acollendo durante 2012 diferentes versos do poeta nos seus escaparates. NOVIDADE 13:00 Visita ao Mosteiro de San Salvador (Alta Idade Media. Idade Moderna. O barroco. A desamortización): Trátase dun fermoso mosteiro do século XVIII que esconde nas súas traseiras a capela mozárabe de San Miguel, datada no S.X e única no seu estilo en Galicia. Este edificio foi usado tamén como prisión durante a represión franquista, sendo un dos presos máis coñecidos Celso Emilio Ferreiro. Duración da visita guiada: 1 hora, polo interior da igrexa (incluído o coro alto e a sancristía), o claustro barroco e a capela de San Miguel. Consultar tarifas na oficina de turismo Tfno. 988.432.201 14:00 Xantar 15:30 Actividade literaria pola vila de Celanova. Lectura de fragmentos de poemas ou prosa polos alumnos. A partir de marzo de 2012, ano de Celso Emilio Ferreiro, estará xa dispoñible o proxecto ‘Poemas na rúa’ que consiste nun percorrido por distintas rúas da vila a través de textos literarios colocados en 14 paneis que se pode facer guiado ou por libre. O itinerario contén textos de Manuel Curros Enríquez, Celso Emilio Ferreiro, Xosé Luís Méndez Ferrín, Castor Méndez Brandón e Castor Elices, todos eles poetas locais. NOVIDADE 16:30 Vilanova dos Infantes (Baixa Idade Media): Vilanova dos Infantes foi a aldea natal da nai de Curros e tamén está moi relacionada con X.L. Méndez Ferrín. É un pequeno burgo medieval no que destaca a Torre da Homenaxe, a cova de San Vivián, que acolle unha exposición permanente sobre os zapateiros, e un dos poucos Cristos románicos que se conservan na provincia. Visita á Virxe do Cristal (Tradición mariana): Trátase dunha pequena imaxe da virxe envolta polo misterio de como a súa figura foi introducida no medio dun cristal de vidro e que foi popularizada pola lenda de Curros. 18:00 Volta ao lugar de destino ou realización dalgunha actividade alternativa: Visita a Castromao. A tan só 2 km de Celanova está un dos xacementos arqueolóxicos máis interesantes de Galicia datado entre os séculos VI ou V a.c. É un castro ocupado xa dende unha época prerromana e que logo sufriu unha forte romanización. Trátase polo tanto dun xermolo do que agora é Celanova. Duración aproximada de 1 hora. Visita guiada segundo dispoñibilidade de persoal e previa solicitude. Visita ao Museo dos Zapateiros en Vilanova dos Infantes. Visita previa solicitude. NOVIDADE
VANTAXES DO PROGRAMA: - FACILIDADE na organización: Cada programa adaptarase ás necesidades de cada grupo concertando as visitas escollidas. - BAIXO CUSTE das visitas: A maioría das visitas son gratuítas. - Todas son visitas GUIADAS. - INTERACCIÓN con outros departamentos docentes: As visitas poden ser compaxinadas con outros programas formativos como son os Concertos Didácticos de órgano, así como cunha visita guiada a Celanova a través da música. - PERNOCTACIÓNS: Existe a posibilidade de usar o albergue da vila o que permite organizar a estancia en dous ou máis días. Consultar tarifas no Concello de Celanova. Os horarios son orientativos. A actividade literaria guiada está supeditada á dispoñibilidade do persoal da Fundación Curros Enríquez.
|







.png)
.png)
.png)
.png)
.png)
.png)
.png)
.png)
.png)
.png)
.png)
.png)
.png)
.png)
.png)
