O Padroado da Fundación Curros Enríquez, que se reuniu na mañá de hoxe, 23 de febreiro de 2013, na sala da lareira coa presenza, entre outros membros, do Conselleiro de Cultura, do Secretario Xeral de Cultura, do Presidente da Deputación Provincial de Ourense, do Presidente da Real Academia Galega, así como de representantes das tres universidades patronas da Fundación para, entre outras cousas, fallar e dar a coñecer o nome do gañador da XXIX edición do Premio “Celanova, Casa dos Poetas” e aprobar as actividades de 2013, acordou concederlle ese XXIX Premio “Celanova, Casa dos Poetas” ó Grupo R de comunicación, recoñecendo así “o compromiso que dende a súa fundación, no ano 1998, “R” ten mantido co noso idioma, coa nosa cultura e coa nosa terra, desexando lanzar con este recoñecemento unha mensaxe de futuro para a nosa lingua, por entender que Galicia e o galego poden e deben ser ferramentas válidas a tódolos efectos no complexo ámbito da enxeñería das comunicacións e na inmensa rede da globalización”.
O CENTENARIO DE CELSO EMILIO CONVOCOU A 5.500 PERSOAS NA CASA DOS POETAS
Ó LONGO DE TODO O ANO VISITARON CELANOVA 54 CENTROS ESCOLARES QUE TROUXERON A CELANOVA A 2.084 ALUMNOS
Dous mil doce, ano de conmemoración do I Centenario do nacemento do poeta Celso Emilio Ferreiro, foi un ano cargado de actividades organizadas pola Fundación Curros Enríquez e de visitantes que acudiron a coñecer a vila natal do vate celanovés.
Unha vez realizado o balance anual das visitas recibidas na Casa dos Poetas, a Fundación Curros Enríquez comprácese un ano máis en dar a coñecer o total de visitas durante o ano 2012 que ascendeu a 5.500 persoas.
Cabe destacar un dato neste ano que xa finalizou e é o número de grupos escolares atendidos que ascende a 54 cun total de 2.084 escolares, dato que mostra a gran acollida das actividades que se están a promover entre os escolares e das que destacamos a participación de 1.414 rapaces no xogo de busca de versos de Celso Emilio polos comercios da vila.