| XXVIII Premio Celanova, Casa dos Poetas |
|
|
|
| 22-06-2012 |
|
A FUNDACIÓN CURROS ENRÍQUEZ RECOÑECE Ó ACTOR LUÍS TOSAR CO XXVIII PREMIO “CELANOVA, CASA DOS POETAS”
Despois de acordar por unanimidade unha nova incorporación a título persoal ó seo desta entidade, a do ex Presidente da Deputación, Xosé Luís Baltar Pumar, de quen se agarda acolla con agrado esta proposta, o Padroado da Fundación debateu sobre un ambicioso programa de actividades que vai máis alá dun mero programa anual e que pretende servir de guión de traballo para o funcionamento continuo da entidade. A elección do XXVIII Premio ‘Celanova, Casa dos Poetas’ recaeu finalmente por unanimidade no actor Luís Tosar “pola súa impresionante traxectoria profesional no ámbito da interpretación en xeral e do cine moi en particular, coa que ten axudado a internacionalizar o bo nome da escena galega e a facer de Galicia un lugar máis querido por millón de seguidores da súa carreira, dende tódolos recantos do mundo.Malia súa xuventude, Luís Tosar camiña dende hai anos con paso firme polos máis prestixiosos escenarios mundiais do sétimo arte e polas carteleiras dalgunhas das principais películas españolas da última década, como abandeirado do cine galego, sen deixar de facer gala nunca da súa profunda galeguidade e do seu compromiso social e humano con Galicia. Como valoración das actividades que se teñen desenvolvido durante o ano, destacouse en especial a resposta dos centros escolares para a participación nas actividades máis didácticas como é o programa ‘Ven coñecer a Celanova de Curros e Celso Emilio’ no que se inclúe un percorrido urbano por Celanova a través da poesía e da música e unha xincana literaria en colaboración con numerosos comercios da vila. Dos máis de 2.000 escolares (47 centros escolares de toda Galicia) que se achegaron ata a Casa dos Poetas para realizar a visita guiada, case 1.000 realizaron algunha actividade poética pola vila. No ano 2012 destacan fundamentalmente as actividades que se enmarcan na celebración do I Centenario do nacemento do poeta celanovés Celso Emilio Ferreiro. Desde a apertura do ano de Celso Emilio coa campaña “Cen anos. Cen comercios. Cen poemas”, a Fundación Curros Enríquez ten acollido e acollerá ata final do ano na Casa dos Poetas varias presentacións das novidades editoriais e audiovisuais sobre o autor. En marzo destácase a celebración do I Encontro de xornalismo “Onde o mundo se chama Celanova”, en abril a colaboración para a celebración do Recital poético musical “Voces para Celso Emilio Ferreiro”, en maio a realización na Praza Maior de Celanova da reproducción en grandes dimensións do gravado que Picasso realizou para Celso Emilio dentro da IV Xornada de convivencia cos centros Curros Enríquez e en xuño a celbración dos actos centrais do Centenario coa colocación dunha placa conmemorativa na casa natal do vate e a celebración dunha sesión plenaria da Real Academia Galega. Para o resto do ano está previsto a celebración dunha homenaxe en Madrid, os días 16, 17 e 18 de xullo celebrarase o curso de verán “Celso Emilio Ferreiro (1912-2012): Ética e poética” organizado pola Universidade Internacional Menéndez Pelayo en Celanova, unha nova homenaxe a Celso Emilio en setembro polo seu cabodano, ademais de acoller a mostra interactiva itinerante sobre o autor promovida pola Secretaría Xeral de Cultura e a Secretaría Xeral de Política Lingüística. No que respecta á acollida de actividades na casa-museo aprobouse a realización doutras actividades relacionadas co resto de escritores da vila como presentación de libros, acollida de exposicións temporais, celebración de eventos relacionados co mundo literario e audiovisual ademais de actividades para os máis pequenos da vila como contacontos e obradoiros. Tamén se seguiran a organizar excursións a puntos de interese literario, en especial aos vinculados a escritores contemporáneos a Curros e Celso Emilio Ferreiro. Por outra banda, destácase a presenza da Fundación na rede mediante a incorporación da emisión en directo das actividades que se celebran na Casa dos Poetas a través da páxina web, a actualización desta, e a presenza tamén nas redes sociais principalmente de Facebook, con máis de 3.300 amigos que se informan puntualmente das novidades da casa museo, Twitter e Tuenti, desde onde a Fundación está a informar principalmente á mocidade. Durante a reunión tamén se corroborou o desexo dos membros desta entidade da posta en marcha do proxecto “Itinerario do Rexurdimento” que consistirá nunha serie de colaboracións conxuntas coas outras Fundacións de autores do Rexurdimento como son a Fundación Rosalía de Castro e a Fundación Eduardo Pondal. Finalmente, tamén se destacou a posta en marcha no mes de xullo do esperado proxecto “Poemas na rúa” que destacará o valor literario da vila de Celanova e a intervención desta entidade na celebración do “I Encontro ibérico de casas-museo” no mes de outubro. |



.png)
.png)
.png)
.png)
.png)

.png)
.png)
.png)
.png)
.png)
.png)
.png)
.png)
.png)
.png)
