Os demais escritores

A casa familiar de Manuel Curros Enríquez é, ademáis, a "Casa dos Poetas": unha homenaxe a todos os escritores nados en Celanova ou cunha vinculación moi forte a esta comarca.

Poetas e escritores que fan de Celanova unha auténtica "Terra de Poetas"


Celso Emilio Ferreiro

Celso Emilio Ferreiro finaaal


Xosé Luís Méndez Ferrín

Ferrin--

Máis escritores celanoveses



Mauro Castellá Ferrer (1567)

Mauro Castella FerreerMilitar e escritor nacido en Bobadela (Celanova) no ano 1567 e falecido no ano 1615. Estudou nos Colexios de Monterrei e Ribas de Sil, o primeiro deles da Orde de Xesús e o segundo beneditino, e logo viaxou a Salamanca onde cursou Retórica, Filosofía, Canons e Teoloxía, sendo discípulo de Frei Luís de León.

No ano 1588 embarcou na Armada Invencible e ao regreso desta fracasada expedición contra os ingleses foi recompensado por Felipe II, quen o nomeou cabo de milicias de Galicia.

A súa obra máis importante é a Historia del Apóstol de Jesus Cristo Santiago Zebedeo, patrón general de España, máis coñecida polo título abreviado de Historia del Apóstol Santiago. Aínda que se menciona unha edición realizada en Zaragoza e Madrid no ano 1610, a que se coñece é posterior a esta data e non leva  pé de imprenta. Máis ou menos, polas datas nas que se publicou esta obra iniciárase unha forte polémica acerca do padroado relixioso de España entre os xesuítas e os carmelitas. Mentres os xesuítas permanecían aferrados á figura do Apóstol Santiago, os carmelitas querían substituír ao Apóstol por Santa Teresa. A obra de Castellá, a pesar do fallo que supón ter utilizado os falsos cronicóns inventados a comezos do s. XVII, ten indubidables acertos. Deixou tamén un manuscrito titulado Papeles sobre la venida a España del Apóstol Santiago y año de su martirio. Del concilio 1 de Braga.


Cesáreo Fernández Losada (1831)

Fernndez_LosadaNaceu en Bobadela (Celanova) o 26 de Xuño de 1831 e licenciouse en Medicina pola Universidade Central en 1856. Ingresou co número un no Corpo de Sanidade Militar (1856) e no Hospital Militar de Madrid fundou un museo anatómico. Fundou así mesmo o Instituto Bacteriológico, que dirixiu entre os anos 1858 e 1860.

Participou en numerosas accións bélicas en Marrocos, o que lle valeu dous ascensos por méritos de guerra. En 1865 é promovido a médico maior, despois a subinspector médico e en 1867 sae elixido Deputado a Cortes por Ourense, conseguindo a creación do Colexio dos escolapios de Celanova, inaugurado o 16 de agosto de 1868. Ese mesmo ano volveu saír deputado para as Cortes Constituíntes polo distrito de Celanova. Foi nomeado xeral en 1874.

Tivo unha das máis prestixiosas clínicas cirúrxicas de España. Nomeado médico da  real cámara de Isabel II e Alfonso XIII, chegou incluso a atender ao xeral O’Donnell na campaña de Marrocos e a Prim na súa agonía.

En 1895 é destinado a Cuba como xefe dos servizos sanitarios e en 1898 é cesado en tódolos seus cargos para adicarse a escribir a historia da campaña en Cuba.

Cesáreo Fernández Losada fundou a primeira Academia de Sanidade Militar e estableceu a vacinación obrigatoria ao ingreso en filas.

Publicou traballos sobre diferentes temas da súa profesión e foi colaborador da revista «Sanidad Militar Española y Extranjera». Dirixiu o «Memorial de Sanidad Militar», a «Revista General de Ciencias Médicas» e a «Gaceta de Sanidad Militar». En 1870 publicou, no xornal bimensual ourensán «La Nacionalidad», unha interesante monografía co título de «Curiosidades de Celanova». Foi autor de varios libros sobre Anatomía, Oftalmoloxía e Cirurxía Militar; durante a súa estancia en Cuba deu á prensa «Instrucciones higiénicas para el ejército de la Isla de Cuba» (1896), «Gráfica comparativa sobre el estado sanitario del ejército de la isla de Cuba» (1896) e «Consideraciones higiénicas sobre la ciudad de La Habana» (1897).

Faleceu en Barcelona o 11 de abril de 1911.


Delfín Modesto Brandón (1835)

Delfin_Modesto_BrandonDelfín Modesto Brandón naceu en Tourem en 1835, pero trasladouse ao Couto Mixto a corta idade.  Aos 28 anos asumiu a posición de Xuíz (título formal dos xefes de Estado do Couto Mixto). Dimitiu cando a partición e a anexión formal do territorio por España e Portugal en 1868 eran inminentes.

En 1904 escribiu unhas memorias coa súa historia no Couto Mixto ata a súa extinción. Estas memorias foron publicadas en 1907 como Interesante historieta del Coto Mixto, con una digresión político-social-religiosa.

Castor Elices (1847)

CASTOR_ELICESCastor Elices Rodríguez nace en Celanova o 21 de xaneiro de 1847. Licenciado en Medicina pola Universidade de Santiago de Compostela, ingresou por oposición no corpo de Sanidade da Armada, onde chegou a alcanzar o grao de capitán. A nova da morte da súa amada Modesta cambiou a súa orientación vital e recluíuno na súa vila natal. Tal sufrimento viuse posteriormente agravado a consecuencia da perda da súa nai, que arrancou a Elices unha das súas composicións máis sentidas.

Poeta romántico e «tenro», como o calificou o seu conveciño Curros Enríquez, a súa produción en galego e castelán quedou dispersa en diferentes publicacións. Mención particular merecen os seus poemas «Follas secas» e «A miña nai».

Morreu en Celanova o 15 de marzo de 1886, cando contaba tan só con 39 anos de idade.

Manuel Lezón Fernández (1854)
Xurisconsulto e rexistrador da propiedade, naceu en Celanova en 1854. Foi ademais xefe superior honorario da Administración civil e catedrático especial de Dereito Hipotecario da Universidade de Valencia.

Colaborou en revistas especializadas, españolas e estranxeiras e publicou, entre outras, El derecho consuetudinario en Galicia (Madrid, 1903); Derecho inmobiliario en colaboración con Francisco Berand, El regionalimso (Madrid, 1918) e El problema social agrario en Galicia y la redención de foros (Madrid, 1922).

Faleceu en Madrid en 1934.

Castor Méndez Brandón (1870)

Castor_Mndez_Brandn_PEscritor e barítono nacido en 1870 na vila de Celanova (Ourense). Era irmán de Modesta Méndez Brandón, a amada de Castor Elices.

Publicou Canciones y poesías gallegas (Madrid, 1908) conferencia seguida de varios poemas, Celanoverías (Ourense, 1913) e Frangullas (Ourense, 1918).

Luís Soto Fernández (1902)

luis-sotoNace en Podentes (A Bola, Ourense) o 23 de novembro de 1902. Estuda o Bacharelato en Celanova e, como a situación económica familiar lle impedía cumprir os seus desexos de cursar estudos superiores, emigrou a Arxentina onde comeza a súa actividade xornalística, tan só con 17 anos, cando publica «El Eco».

Á súa volta faise mestre, pero antes de comezar a exercer ten que partir cara a guerra de Marrocos, onde permanece tres anos. Alí escribe esporadicamente en «La voz de Tetuán». Ao volver traballa de mestre e colaborou en «ATEO»(revista pedagóxica mensual publicada pola Asociación de Traballadores do Ensino de Ourense) e «Escuela del Trabajo», pero ao estalar a guerra civil ten que se esconder, pasando primeiro a Portugal e de alí a Francia retornando logo a zona republicana, a cal abandona xunto  con Castelao en xullo de 1938 e, despois de viaxar por Cuba e aos Estados Unidos, acaba instalándose en México.

Alí funda a «Alianza Nazonal Galega» na cal consigue agrupar a tódalas forzas antifascistas galegas. Tamén é o fundador do Padroado da Cultura Galega en México, facéndose cargo da súa secretaría xeral, e crea con Carlos Velo, Arturo Souto e Delgado Guriarán a revista «Vieiros». Tamén colaborou noutras publicacións como «España Popular», «Nuestra Bandera», «Loita», «Boletín Galego de Información»e «Saudade».

En 1958 viaxa a Portugal, recorre as terras do norte do país, e pronuncia na sede de Juventud de Galicia, en Lisboa, a única conferencia que alí se deu durante a época salazarista.

En 1960 consegue, por primeira vez, que se lle autorice a entrada en España. En Madrid coñece aos membros do grupo Brais Pinto, encontro que o impresiona profundamente, e volve a coincidir con algúns deles na fundación da UPG (25 de xullo de 1964). En 1966 é expulsado de novo do país, non podendo regresar ata a desaparición do réxime franquista.

Falece en México o 11 de decembro de 1982.


Xosé Velo Mosquera (1916)

pepe-veloPopularmente coñecido como Pepe Velo, nace o día 21 de abril de 1916 en Celanova e estuda no colexio dos padres  Escolapios os primeiros anos da súa vida, onde coincide con Celso Emilio Ferreiro, e Filosofía e Letras na Universidade de Santiago de Compostela. Xunto con Celso Emilio funda en 1932 a Mocedade Galeguista de Celanova, publican o boletín informativo da Mocedade de Celanova, o semanario “Adiante” e en 1934, forma parte do Primeiro Consello Nacional da Federación das Mocedades Galeguistas, sendo escollido como secretario xeral na Federación de Ourense, na compaña de Celso Emilio Ferreiro, que é nomeado para o posto de secretario de organización.

Tras participar na Guerra Civil abre unha primeira academia “de comercio e oposicións” na praza do Millo de Celanova e canso de sufrir atropelos, traslada a actividade docente a Vigo, abrindo unha academia co seu curmán, Castor Velo. É detido por colaborar cos grupos da resistencia antifranquista. Sae en liberdade condicional beneficiado por unha amnistía (1945) e acaba fuxindo definitivamente cara Portugal, e logo para Venezuela en 1948.

En Venezuela traballa de profesor en  distintos centros de Caracas, ademais de manter unha intensa actividade social e política, dentro da colectividade galega, o “Lar Galego”, da que chega a ser presidente. Esta actividade docente e literaria, que divulga en traballos de pequeno formato, conxúgaa cunha intensa labor radiofónico na emisora “Radio Cultura”. Participa no “I Congreso da Emigración Galega” en Buenos Aires, salientando a súa posta de longo como “un gran orador emocional”.

No ano 1959 participa na creación da Unión de Combatientes Antifranquistas, que daría lugar poucos meses despois, ao Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación, do que resulta elixido codirector xeral do DRIL, na compaña do xeral portugués, Humberto Delgado, e xunto con  Henrique Galvão e José Fernando Fernández, levan a cabo a denominada  “Operación Dulcinea”, por medio da cal 24 revolucionarios españois e portugueses dirixidos por Pepe Velo, secuestran en Curaçao o transatlántico portugués “Santa María”, tentando denunciar así o grave problema que dende os anos 30 viñan sufrindo os dous pobos da península Ibérica, debido ás ditaduras de Francisco Franco e Oliveira de Salazar. O suceso remata o día 2 de febreiro co desembarco do milleiro de persoas -entre tripulantes e pasaxeiros- que ían a bordo, no porto brasileiro de Recife, onde son acollidos en calidade de refuxiados políticos, os 24 comandos participantes na operación, polo que acaba trasladando a súa residencia na compaña do seu fillo Víctor a São Paulo.

En 1971 funda e dirixe a revista literaria “Paraíso 7 días”, da que tan só saíron publicados 5 exemplares.

No mes de outubro, ferido xa de morte por un cancro pulmonar, escribe o derradeiro poema “Espranza”, denantes de que o 31 de xaneiro morra en São Paulo, sendo soterrado ao día seguinte baixo a bandeira galega.

Lola González (1942)

lolagandaraCoñecida cos pseudónimos de María Gándara ou Lola Gándara, Mª Dolores González Lorenzo naceu en Celanova en 1942. É licenciada en Dereito e filoloxía Hispánica. Con residencia habitual en Vigo, colaborou como guionista en distintos programas de televisión, alternado esta actividade coa súa profesión de mestra.

Publicou a novela Magog en 1977 e foi premio Manuel García Barros nese mesmo ano. É coñecida polas súas publicacións de literatura infantil e xuvenil: Os Mornias (1993), Conxurados (1993), Brumas de octubre (1994), Alexandra (1999) e A escura luz do Tiber (2000). Conseguiu o Premio Merlín en 1992, accésit no Premio Barco de Vapor en 1993 e o Premio Gran Angular en 1994. No ámbito teatral obtivo o Premio Camiño de Santiago en 1993 coa obra Nocturno de dragón e o Premio de Teatro Profesional Camiño de Santiago de 1994 con Ultreias.

Xosé Manuel del Caño (1955)

Xos_Manuel_del_Cao2Nace en Santa Eufemia (Celanova) en 1955. Traballa como redactor do xornal Faro de Vigo na delegación de Ourense. Dirixiu a revista literaria «Follas secas». Como un dos primeiros membros da Fundación Curros Enríquez foi impulsor da creación do premio «Celanova, Casa dos Poetas».

Algunhas das súas obras son O mal tempo (1981), Lembranzas dun home (1983), Once nudos (1984), Once Nudos II (1985), Areas (1990), Conversas con Manuel María (1990), Cen galegos (1993), Guía de Ourense (1996), Literaria (1997), Historia ilustrada de Ourense (2001), Salgroso/ A Muller de Lot (2002), Ourense. Paisajes, ciudades y monumentos (2004), Antonio Tovar. Conversas cun vello revoltado (2005),  Alfonso S. Palomares. La lucha por la livertad (2005), Conversas con Méndez Ferrín. Historia, literatura, nación (2005) e O misterio de Carlos G. Reigosa. Conversas (2007).

Xosé Benito Reza Rodríguez (1956)

REZANace en Celanova (Ourense) o 16 de abril de 1956. Estudou Enxeñería de Montes na Universidade Politécnica de Madrid. Experto en medio ambiente, especialmente nas áreas de natureza, biodiversidade, espacios protexidos e paisaxe, foi xefe do Servicio de Medio Ambiente Natural en Ourense no período de 1988-1997, director dos parque naturais «Baixa Limia-Serra do Xurés» e «Invernadoiro» entre 1995 e 1999 e director xeral de Conservación da Natureza entre 2005 e 2009.

Algunha das súas publicacións son Memorias do Pedal – O camiño portugués a Santiago (1999), Celanova e o vento con Xosé Luís Méndez Ferrín (1999), Biografía del poeta Manuel Curros Enríquez (2001), coautor de Galicia 2020 (2001), coautor de La Ribeira Sacra (2001), Vivir en Ancares (2002), biografía de Arturo Noguerol Buján (2003) ou O macizo central ourensán (2009).

É membro da Fundación Curros Enríquez dende a súa creación.

Antonio Piñeiro Feijóo (1959)

antonio-pieiroNaceu o 21 de decembro de 1959 en Celanova.

Colexiado no Colexio Profesional de Periodistas de Galicia dende a súa fundación, actualmente ocupa a praza de Encargado de Asuntos Culturais, Xefe de Prensa e Protocolo do Concello de Celanova e actúa de secretario na Fundación Curros Enríquez, da que é membro fundador.

Dende o ano 1985 colabora en diversos medios de comunicación, mantendo unha relación case exclusiva co xornal “La Región” de Ourense, onde desenvolveu a labor de delegado informativo das comarcas de Celanova e da Baixa Limia ata o ano 1998. Dende 1993 mantén neste mesmo xornal unha columna de opinión sobre a actualidade social da provincia de Ourense e de Galicia, chamada «Ourensalia». Foi director da edición da revista cultural «Auria», editada mensualmente por este xornal en colaboración con Caixanova ata 2011.

En 1993 publica A banda de música municipal de Celanova sobre o 140 aniversario da banda. Tamén é o autor do libro Pepe Velo, pensador, soñador e mestre revolucionario (2000) e de varios relatos como «A casa da neve» (1999) ou «O castigo silenciado».

Conseguiu o premio de periodismo da “Festa do Pulpo” de O Carballiño no ano 1992 e o “Xosé Aurelio Carracedo” en 1997, concedido pola Deputación provincial de Ourense.

Paulino Vázquez (1962)

Paulino_VzquezNace en Vilanova dos Infantes (Celanova) o 27 de febreiro de 1962. Pasa a súa mocidade en Vigo, onde escribe Perdendo o tempo que fuxe como Xoan Sebastian Bach. En 1983 trasladase a Santiago, onde fai a licenciatura en Filoloxía Galego-Portuguesa e onde actualmente exerce a docencia. É alí onde escribe Seixo de desfacer entre os dedos (1985), Aquí podían ser os pés de arxila (1992), Un áspero tempo de caliza (1994) e A Experiencia Inglesa (1998).Tamén colabora en artigos de corte literario en » El correo Gallego» e as revistas «Dorna» e «Grial». En 1982 Concedéronlle o premio «Celso Emilio Ferreiro» do Concello de Santiago por Perdendo o tempo que fuxe como Xoan Sebastian Bach e o Premio «Miguel González Garcés» no 1994, por Un áspero tempo de caliza.

José María Paz Gago (1966)

Paz_GagooNace en Celanova en 1966. Estuda Filoloxía Hispánica pola universidade de Oviedo, tras seis anos traballando como profesor na Universidade de Abidjan (Costa de Marfil) no servizo cultural da embaixada de España, incorpórase como catedrático de Teoría da Literatura e Literatura Comparada da Universidade da Coruña.

Fundador da Asociación Galega de Semiótica, da que é secretario xeral dende 2004, e membro dende os inicios da Fundación Curros Enríquez. En 2002 recibiu o premio Pérez Lugín de xornalismo.

É autor de La estilística (1993), Semiótica del Quijote (1995) La recepción del poema (1999) Manual para enamorar princesas (2005), que obtivo o Premio de Excelencia do Festival de Poesía de Alba Iulia (Transilvania) pola súa tradución ao romanés -Tamén existen versións en francés, árabe, macedonio, bretón, galego e parcialmente en inglés e xermano-. En 2006 tamén recibe o VI Premio Internacional Sial de Ensaio polo libro La máquina maravillosa. Tecnología y Arte en el Quijote. Tras a publicación de Guía de lugares inexistentes en novembro de 2011 recibe o Premio Internacional Cartago de Poesía.

Baldo Ramos (1971)

Baldo_RamosNace en Celanova en 1971. Licenciado en Filoloxía Hispánica pola Universidade de Santiago de Compostela, actualmente traballa como profesor de Lingua e Literatura Española no instituto de Valga (Pontevedra).

É autor dos poemarios Raizames (2001), A árbore da cegueira (2002, Premio de poesía Concello de Carral), Los ojos de las palabras (2002), El sueño del murciélago (2003), Escura e transparente (2005) e Diario de una despedida (2005), O ourego e o compás (2006),Palabras para un baleiro (2009, Premio de poesía Fiz Vergara Vilariño ).

Tamén se dedica ao arte plástico onde mestura poesía e pintura. Destacan os seus libros de artista Raíz de voo, As follas da memoria, Ut pictura poesis, Signos de cinza e outros relacionados con esta faceta como Branco sobre negro (2007), Monólogo do calígrafo (2007) ou Candeloria (2011) .