Xosé Luis Méndez Ferrín

 

 

(1938-)

 

 

Recoñecido como un dos escritores máis importantes da literatura contemporánea galega, foi presidente da Real Academia Galega e varias veces proposto como Premio Nobel de Literatura.

Aínda que nace na cidade de Ourense o 7 de agosto de 1938, a súa infancia está ligada indeleblemente a Vilanova dos Infantes, de onde era orixinario o seu pai. Xosé Luís Méndez Ferrín é unha destacada figura das Letras Galegas actuais.

Licenciado en Filosofía e Letras pola Universidade de Santiago de Compostela e Filoloxía Románica pola de Madrid, exerceu gran parte da súa vida como catedrático de literatura no Instituto de Santa Irene de Vigo. Cando estaba estudando en Madrid participou na constitución do grupo literario "Brais Pinto" e desde novo tomou conciencia da realidade galega militando en política desde posicións esquerdistas e nacionalistas. En 1964 participa, xunto cos seu veciños Luis Soto e Celso Emilio Ferreiro, na fundación da UPG (Unión do Pobo Galego) e posteriormente na do PGP (Partido Galego do Proletario) e Galiza Ceibe, actividades que o levaron a pasar varias veces polo cárcere.

Ademais de cultivar o xornalismo de opinión como colaborador do "Faro de Vigo", dirixe a revista "A trabe de ouro", é membro da Real Academia Galega e Doutor Honoris Causa pola Universidade de Vigo. Pero, sobre todo, Méndez Ferrín destaca no ámbito da  literatura galega polo amplo abano de xéneros que ten cultivado ao longo da súa vida: poesía, novela, teatro, artigo periodístico e crítica literaria.

En poesía algunhas das súas obras son: Voce na néboa (1957), Antoloxía Popular, que publicou baixo o heterónimo de Heriberto Bens en 1972, Con pólvora e magnolias  (1977), O fin dun canto (1982), Erótica (1992) ou Estirpe (1994). Dos demais campos tamén hai unha boa cantidade de obras: Percival e outras historias (1958), O crepúsculo e as formigas (1961), Arrabaldo do norte (1964), Retorno a Tagen Ata (1971), Elipsis e outras sombras (1974), Antón e os inocentes (1976), Amor de Artur (1982), Arnoia, Arnoia (1985), Bretaña Esmeraldina (1987), Arraianos (1991) ou No ventre do silencio (1999) entre outras.

A súa calidade literaria, incluso levou á Asociación de Escritores en Lingua Galega á nomealo varias veces para a candidatura do Premio Nobel de Literatura desde 1999.

Ferrín  foi  membro da  Real  Academia Galega  e  presidente  da  mesma dende o 23 de xaneiro de 2010 ata o 13 de marzo de 2013.